Sin categoría

As conferencias coresmais inician este xoves a Semana Santa de Baiona

Este xoves comeza o programa de actos e cultos da Semana Santa Baiona 2017, organizados pola Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia e a Parroquia de Santa María de Baiona, coa colaboración do Concello, a Deputación de Pontevedra e Aceba.

As conferencias coresmais, que serán impartidas o xoves 6 e o venres 7 na Capela da Misericordia a partir das 21:00 horas, iniciarán as actividades previstas, organizadas pola Adoración Nocturna en colaboración coa Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia e a Parroquia de Santa María.

O sábado 8 ás 17:30 horas realizaranse Confesións na Capela da Misericordia, onde ás 18:30 horas celebrarase unha Misa Cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas”.

O domingo 9, Día de Ramos, terá lugar a tradicional bendición de Ramos e Palmas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas, ás 12:00 do mediodía, para seguir coa procesión cara á Igrexa Parroquial.

Os días 10, 11 e 12, haberá Confesións na Igrexa Parroquial ás 18:00 horas, e ás 19:30 horas, o Triduo Santo do Cristo da Boa Morte.

O Xoves Santo, día 13, comezará con Meditación na Igrexa Parroquial ás 11 da mañá. Pola tarde celebrarase a Santa Misa da Institución da Eucaristía, ás 16:00 horas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 18:00 horas na Igrexa Parroquial. Ás 20:00 horas sairá acompañada pola Banda de Música de Baiona, desde a Capela da Misericordia, a Solemne Procesión dos Pasos, organizada pola Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia. O Coro de Homes “Voces Baionesas” interpretará o Miserere na Igrexa Parroquial e na Praza do Concello, onde tamén se fará unha oración ao Cristo dos Pasos. Ás 23:00 horas será hora Santa para toda a parroquia, seguida da Vixilia Extraordinaria da Adoración Nocturna na Igrexa Parroquial.

O Vía Crucis na Igrexa Parroquial iniciará a xornada do Venres Santo, ás 10 da mañá. A continuación, ás 11:30 horas, o Coro de Homes “Voces Baionesas” interpretará os Cantos Penitenciais na Igrexa Conventual das Nais Dominicas. Pola tarde celebrarase a Paixón do Señor e a Adoración da Cruz, ás 16:00 horas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 18:00 horas na Igrexa Parroquial, desde onde sairá ás 20:00 horas a Procesión do Santo Enterro, acompañada pola Banda de Música de Baiona. O Coro de Homes “Voces Baionesas” interpretará o Miserere na Igrexa Parroquial á saída e na recollida. Ás 23:00 horas sairá desde a Igrexa Parroquial a Procesión da Soidade (só para mulleres). O Coro de Homes cantará unha Pregaria á Virxe antes de saír e ao recollerse.

A Semana Santa Baiona 2017 chegará ao seu fin o Sábado Santo, día 15, coa celebración da Vixilia Pascual, ás 20:00 horas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 22:00 horas na Igrexa Parroquial.