Arranca a XI edición do Torneo Internacional de Minibasket de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Este venres arranca o XI Torneo Internacional de Minibasket, organizado polo Club Baloncesto Baiona, conxuntamente co Concello, e que nesta edición volve ao formato de 32 equipos (16 femininos e 16 masculinos).

O torneo reunirá no Pavillón de Deportes de Baiona e no Pavillón do CPI Covaterreña aos mellores equipos de toda Galicia, así como equipos de Castela e León, Cataluña e Portugal. En total haberá máis de 360 xogadores e 60 adestradores.

Os participantes, de categoría alevín, vivirán 3 días de convivencia a través do baloncesto, nos que se tenta fomentar a tolerancia e reforzar habilidades para relacionarse cos demais, cooperar e afrontar os conflitos de maneira positiva, entre outros.

Na categoría masculina os equipos participantes son o CB Salesianos, CB Baiona, CB Marín, NCR Valongo, CB Seis do Nadal, CB Redondela, Estudantes de Lugo, Colexio Leonés, CB Cantaires, Porriño BB, CB Allariz, CB Cidade de Lugo, Colexio Apóstolo, Novobasket Vigo e Estudantes de Pontevedra.

Na categoría feminina serán o CB Salesianos, CB Airexa, CB Allariz, CB Porto do Son, Compañía de María, CB Miralba, Estudantes de Lugo, CB O Meco, CB Cantaires, Porriño BB, CB Cidade de Lugo, CB Seis do Nadal, Carmelitas 06, Colexio Leonés e Celta Zorka.

O torneo, como en edicións pasadas, realízase ao longo dun fin de semana, tendo a posibilidade os equipos convidados de aloxarse en Baiona e gozar duns días de baloncesto e convivencia.

Durante o día 7 de abril celebraranse concursos de habilidade e tiro para xogadores e familiares, así como para todos os membros da familia do baloncesto.

O sábado 8 terá lugar a fase de grupos, na que se clasificarán os dous mellores equipos de cada grupo. Na mañá do domingo 9 xogaranse os cuartos e as semifinais, para celebrar pola tarde as finais, a masculina ás 17:00 horas e a feminina ás 18:00 horas. A continuación realizarase a entrega de premios e clausúraa do torneo.