O Consello da Xunta deu luz verde ao inicio da tramitación da contratación dos servizos de operación e mantemento de dous helicópteros adscritos ao servizo de Gardacostas de Galicia, da Consellería do Mar, para a prestación dos labores de vixilancia, loita contra a contaminación e salvamento marítimo.
Este contrato terá unha vixencia inicial de catro anos e o seu importe total para este período é de algo máis de 26 millóns de euros. A empresa que resulte adxudicataria prestará o mesmo servizo que se vén desenvolvendo en Galicia desde 1.990, garantindo a cobertura no litoral galego os 365 días do ano as 24 horas do día, cun tempo máximo de resposta de dez minutos.
Dentro deste concurso destaca como novidade a redución en 24 horas do tempo de substitución da aeronave. Así, queda estipulado que, no caso de que un helicóptero quede fóra de servizo por calquera causa, a empresa adxudicataria poñerá á disposición da Consellería do Mar un helicóptero de substitución no prazo máximo de 48 horas. Esta condición é superior á que se exixía no anterior contrato e que continúa a exixir Salvamento Marítimo do Ministerio de Fomento na actualidade, que establece para o período de substitución un máximo de 72 horas.
Ademais incorpórase o sistema AIS de xestión de frota e transmisión de imaxes en tempo real. Isto permitiría ver nun ordenador en tempo real, de maneira que se poidan visualizar no momento as imaxes que se gravan desde os helicópteros, permitindo mellorar sensiblemente a coordinación do operativo. A maiores, establécese que a empresa que sexa adxudicataria se compromete a cubrir as baixas por enfermidade ou incapacidade repentina do persoal nun prazo máximo de 3 horas.
Este novo proceso de contratación realízase para seguir prestando o servizo de salvamento marítimo a través de medios aéreos, tendo en conta que o contrato actual está vixente ata o 31 de outubro de 2017.
O Servizo de Gardacostas
Galicia é a única comunidade autónoma que conta con Servizo de Gardacostas e tamén a única que pon á disposición de Sasemar (Salvamento Marítimo do Estado) os seus medios para actuar en cantas operacións e operativos sexan demandados por parte do Goberno central.
Este organismo, dependente da Consellería do Mar, encárgase da vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño nas augas galegas e opera as 24 horas os 365 días do ano. Para desenvolver os seus labores conta cos helicópteros Pesca 1, con base en Vigo, e co Pesca 2, con base en Celeiro. Tamén con varios medios terrestres e marítimos itinerantes e distribuídos nas distintas unidades operativas. O servizo aéreo de rescate de Gardacostas naceu en 1990 e nos 27 anos da súa traxectoria salvou a vida de máis de 1.500 persoas.

