O VII Torneo de Fútbol 8 do Erizana congregará a máis de 1.100 nenos en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Erizana presentou este mércores no Parador de Baiona o seu VII Torneo de Fútbol 8, que congregará entre o 10 e o 13 de abril a máis de 1.100 nenos de entre 4 e 14 anos de toda Galicia, repartidos en 84 equipos.

Durante catro días, nos campos do Aral e Val de Martín, nenos duns dos 50 clubs máis importantes de toda Galicia, como o RC Celta, Deportivo da Coruña, Lugo, Rácing de Ferrol, Ourense… estarán en Baiona compartindo deporte, experiencias e aprendizaxe e colaborando a normalizar e dar visibilidade ao deporte de discapacidade xa que, continuando coa liña de potenciación de valores que o Erizana leva nos últimos anos, nesta edición realizarase por primeira vez tamén na categoría de discapacitados intelectuais, coa participación de catro equipos: Celta Integra, ASDAN, San Rafael e Juan María.

“Con iso pretendemos poñer o fútbol como ferramenta de visibilización de persoas con discapacidade así como exemplo de integración e normalización”, sinala Manuel Goce, presidente do club.

Programa

Día 10 de abril. 12 equipos de categoría chupete (4-5 anos) cuns 12 nenos por equipo que xogarán pola mañá no campo do Aral, no centro de Baiona. En total, 26 partidos.

O mesmo día e no mesmo campo, pola tarde, xogarase o Torneo Integra, con 4 equipos. Será un torneo de exhibición no que procuraranse dar premios a todos os participantes.

Día 11 de abril. 33 equipos da categoría alevín que xogarán mañá e tarde en dous campos simultaneamente, Aral e Val de Martín. Será o día con máis afluencia de nenos, xa que o club calcula a presenza de 400 nenos. En total, 40 partidos.

Día 12 de abril. 20 equipos da categoría benxamín no campo de Val de Martín. Serán uns 250 nenos en horario de mañá e tarde. En total, 76 partidos.

Día 13 de abril. 17 equipos de prebenxamín, uns 250 nenos tamén mañá e tarde. En total, 40 partidos.

“A organización dun evento destas características e dimensións, cunha gran transcendencia social, deportiva e de afluencia de público en Baiona, esixirá dun club modesto como o Erizana un esforzo importante a todos os niveis. Pretendemos que sexa un exemplo de integración, convivencia e superación de prexuízos máis propios dos adultos que dos rapaces. Como mostra diso, os equipos de alevín do Deportivo e do Rácing de Ferrol compartirán autobús”, destaca o presidente do club baionés.