Sin categoría

O PP acusa o alcalde de mentir sobre o proxecto de mellora da contorna do río Muíños

“Desde o inicio do seu mandato o Sr. González Pérez está empeñado en reescribir a historia recente do municipio de Nigrán. É probablemente un estigma académico, pois non esquezamos a súa formación na rama da Xeografía e a «Historia». O empeño en realizar a tarefa de modificar esta historia recente é para que se satisfaga o seu ego persoal e os intereses do partido ao que representa, como é coñecido, é o PSOE”. Así comeza o comunicado enviado aos medios de comunicación este martes polo Grupo Municipal do Partido Popular.

Na nota, os populares lembran que a vontade de acondicionar as marxes do río Muíños, de mellorar a calidade ambiental da súa contorna e de facer da marxe do río un lugar de encontro e goce das persoas, data do Pleno de Outubro do ano 2012. Neste Pleno a proposta do Equipo de Goberno do Partido Popular asignáronse 992.781 euros para o acondicionamento ambiental integral do río Muíños, desde a súa desembocadura en Praia América, ata o seu inicio na Parroquia de Chandebrito.

“Unha vez realizada esta asignación o anterior equipo de Goberno encargou o proxecto aos técnicos que agora mesmo o Sr. Alcalde refire como propios do seu labor de xestión. Ademais os responsables municipais de Urbanismo e Medio Ambiente do Goberno anterior puxeron en contacto aos técnicos contratados, cos homónimos da Xunta de Galicia con responsabilidade na contorna media ambiental do río Muíños e con Augas de Galicia, para que o proxecto cumprise cos estándares requiridos de protección ambiental e do coidado do caudal do río, así como da mellora ambiental secundaria que se produciría na súa desembocadura en Praia América”, engaden desde o PP.

Este proxecto, en canto á amputación da súa extensión da mellora da canle do río, deixando fóra desta as parroquias do interior de Nigrán e da limitación das actuacións encamiñadas a facer da contorna do río zona de encontro e goce dos veciños, foi realizada xa polo actual equipo de goberno municipal. Isto explica que o orzamento total da actuación pasase do millón de euros asignado inicialmente aos 600.000 euros actuais.

É máis, o Alcalde incluíu de forma sobrevinda no proxecto, unha pista de atletismo, froito dos seus compromisos políticos en campaña electoral, saltándose o consenso entre os grupos municipais, de que as decisións sobre as instalacións deportivas a situar no SAU 9 serían tomadas a través de votación plenaria no Pleno de Nigrán.

O Goberno do Partido Popular, no anterior mandato, encargara un estudo técnico das necesidades de equipamentos deportivos para os próximos anos no Concello de Nigrán e no global do Val Miñor. “Por certo, este encargo foi realizado á mesma empresa á que utilizou o Goberno socialista do Sr. Efrén Juanes (do que era membro destacado o Sr. González Pérez), para a análise dos posibles usos da área lúdico-deportiva de Panxón”, sinalan os populares.

“En contra das mentiras do Sr. Alcalde sobre que o Goberno do Partido Popular pretendía unha xestión privada das instalacións, o estudo constaba dunha primeira fase de análise das necesidades, que unha vez determinadas e aprobadas en Pleno, seguiríase dun estudo económico-financeiro para estudar as posibles formas de abono do custo das instalacións e das posibilidades que tería o Concello de Nigrán de xestionar de forma directa as mesmas ou se sería necesario o establecemento dunha concesión administrativa. Expúñase tamén a posibilidade de que unhas instalacións fosen de xestión directa municipal e outras xestionadas a través de concesión”.

Segundo o Grupo Municipal do Partido Popular, o Alcalde critica de forma extrema a xestión de instalacións públicas a través de concesións administrativas, cando o seu mentor, Abel Caballero, ten en funcionamento en Vigo tres macrocomplexos deportivos a través de concesións administrativas de xestión e uso, combinándoo con outras instalacións que son de xestión municipal directa. Ademais, para os populares, o Alcalde demostra unha total esquizofrenia política cando está en contra dunha posible xestión externalizada de parte das instalacións deportivas municipais e logo vota acompañado dos membros do grupo do PSOE en contra de remunicipalizar a xestión do abastecemento de auga e a xestión da eliminación das augas residuais, “o cal por certo non foi nunca entendido polos grupos Municipais de Nigrán Decide e BNG”.

“Entendemos que é necesario que o Sr. Alcalde informe periodicamente os veciños das obras de relevancia que se inician polo Concello, pero pedímoslle encarecidamente que o faga sen reescribir ao seu gusto a historia e sen faltar á verdade comprobable”, afirman desde o PP.

“Por certo non estaría mal, que tal como pedíuselle no último Pleno, informe aos veciños a través do Consello Sectorial de Urbanismo, das consecuencias da Modificación singular Nº 25 das Normas Subsidiarias de Nigrán, iniciada fai unhas datas pola súa persoa e publicitada na páxina web do Concello, e de paso da implicación que esta terá na tramitación actual do PXOM de Nigrán”, conclúen.