Lectura de “Vento ferido” de Carlos Casares e tertulia co seu fillo Hakan no Sete Vidas de abril

O xoves 6 de abril falarase na sesión do Sete Vidas sobre o libro “Vento ferido” de Carlos Casares. Aproveitarase a ocasión para tratar tamén aspectos da súa obra e da súa vida. Será na Biblioteca de Gondomar ás 20:00 horas.

Nesta ocasión, no Sete Vidas queren aproveitar a circunstancia da súa homenaxe, co Día das Letras Galegas 2017, e propoñer a lectura dun dos seus libros máis significativos e interesantes pola súa importante achega na renovación da narrativa galega da época.

Falecido en 2002 (fixo o 9 de marzo 15 anos) e veciño do Val Miñor durante moitos anos, Casares deuse a coñecer con este libro en 1967, no daquela nacente panorama literario galego.

En “Vento ferido” ofrece unha ducia de relatos curtos nos que aborda, cunha técnica anovadora e vangardista, algúns dos temas que serán fundamentais na súa traxectoria: a memoria, a desesperanza e a violencia.

Estará ademais, compartindo tertulia, a partir das 21:00 horas, o seu fillo Hakan Casares.