A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde para a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2017.
Deste xeito, aquelas persoas que con data de 1 de xaneiro de 2017 teñan ao seu cargo menores de tres anos (nados entre o 02/01/2014 e o 01/01/2017) e que nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración do IRPF correspondente ao ano 2015, terán dereito a percibir unha prestación que consistirá nun pagamento único de 360 euros pola primeira filla ou fillo, de 1200 euros pola segunda ou segundo e de 2400 euros polo terceiro e sucesivos.
Tamén poderán beneficiarse desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2015 e o 31 de decembro de 2016.
Ademais, en todos os casos, as persoas proxenitoras deben ter a súa residencia habitual en Galicia e na data da solicitude, os nenos e nenas deben convivir coa persoa solicitante.
A concesión da axuda efectuarase sen fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos e o prazo para resolver estas axudas é de 5 meses desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro para a súa tramitación.
O prazo de presentación das solicitudes establécese entre o 4 de abril e o 29 de maio. E estas presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.
Os interesados poden consultar a orde en https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170403/AnuncioG0425-270317-0001_gl.pdf.
Esta axuda, que beneficia a máis de 2500 familias cada ano e para a que a Administración autonómica consigna un orzamento inicial de 3 millóns de euros (susceptible de ampliación para chegar a todas as familias que poidan percibir esta prestación), forma parte do Programa de Apoio á Natalidade (PAN) que a Xunta de Galicia puxo en marcha no ano 2015 co obxectivo de garantir o benestar das familias a través dun apoio continuo e integral desde a chegada dun fillo ou filla.

