O pleno de Nigrán solicita a revisión da regularización catastral

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Aprobada por unanimidade a moción de Nigrán Decide na que se pedía que se anulen as notificacións da regularización catastral onde non se describen os feitos e os coeficientes que a motivan.

A moción presentada por Nigrán Decide pide ao goberno de Nigrán que solicite ao Catastro a anulación de todas as notificacións que non estean suficientemente motivadas, realizadas no procedemento de Regularización Catastral que se está aplicando no Concello de Nigrán. Na práctica son todas as notificacións, pois ningunha está motivada con referencia aos feitos que producen a alteración do valor catastral nin están identificados todos os coeficientes correctores aplicados, tal como di a lei do Catastro, o que na opinión do pleno pode dar lugar á indefensión dos interesados ao descoñecer, moitos deles, a razón pola que se lles aplica. A isto hai que engadirlle que son numerosos os erros que o grupo municipal está detectando nas notificacións cunha grande incidencia no valor catastral dos inmobles, como poden ser a antigüidade da vivenda e a superficie dos inmobles.

“O Goberno Municipal e o Alcalde de Nigrán non poden actuar con relación á regularización catastral como se fose un problema alleo ao seu goberno e á veciñanza de Nigrán”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, “polo que decidimos presentar esta moción para defender e informar á veciñanza neste procedemento”.

Nigrán Decide continuará informando á veciñanza mentres o goberno municipal non habilite a oficina de información catastral acordada no pleno.

Na moción tamén se solicita ao goberno de Nigrán habilitar unha oficina de información catastral cun horario amplo (mañá e tarde) para asesorar e informar á veciñanza sobre o mesmo. Cómpre lembrar que desde o 3 de marzo é o grupo municipal de Nigrán Decide o único que está informando sobre a regularización catastral, polo que mentres non se poña en marcha por parte do Concello a oficina de información que se aprobou crear no pleno, continuarán respondendo as consultas que se formulen a través do correo electrónico nigran.decide@gmail.com e, persoalmente, todos os luns do mes de abril (coa excepción do de semana santa) no segundo andar do Centro da Terceira Idade da Ramallosa.

Anuncios