O Concello de Nigrán presenta o estudo sobre microtoponimia de Camos elaborado polo IEM

O Concello de Nigrán presenta mañá sábado ás 19.00 horas no Centro Cultural A Camoesa o estudo sobre microtoponimia da parroquia encargado ao Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) xunto ao de Parada (que se presentará proximamente) por un importe de 6.000 euros. En caso de bo tempo haberá unha visita toponímica polo lugar das Pedras, A Bandeira e o muíño do Grilo con saída ás 17.30 dende o propio centro cultural.

“O patrimonio cultural non se limita a monumentos e coleccións de obxectos, senón que comprende tamén tradicións ou expresións vivas herdadas dos nosos antepasados e transmitidas aos nosos descendentes, como tradicións orais ou nomes de lugar (topónimos)”, explica o alcalde de Nigrán e historiador Juan González, quen engade que “deste xeito desde o goberno local blindamos a nosa cultura oral e tradicións á vez que abrimos a posibilidade a moitos veciños de localizar propiedades que figuran en escrituras pero que non se saben situar”.

Grazas a este estudo toda pequena referencia xeográfica (campos, leiras, fontes, hórreos, pazos, montes, lavadoiros, presas, regatos…) co seu nome correcto queda documentada e xeolocalizada. Ademais, incluíu un catálogo e actualización dos bens patrimoniais da parroquia á vez que se recolleron os ditos, lendas, cancións populares ou refráns da zona. Grazas a isto, corrixirase a sinalización instalada se é incorrecta (tanto do patrimonio como dos viarios públicos).

O historiador Anxo Rodríguez Lemos foi o responsable deste traballo que incluíu fotografías dos elementos materiais máis destacados da parroquia, gravando en vídeo ás persoas que máis sobresaen polos seus coñecementos e xeolocalizándose a toponimia maior e menor. A segunda fase é para cotexar os datos obtidos polas fontes actuais cos que figuran nos arquivos como o Histórico Nacional, Provincial de Pontevedra, Diocesano de Tui, Municipal de Nigrán ou Baiona. Finalmente, todo quedará documentado nunha web onde se xeolocalizará e referenciará de forma que estea facilmente a disposición de calquera persoa. «Servirá como fonte documental e fixará os nosos topónimos de maneira correcta para sempre. Con este traballo garantimos que o patrimonio oral, frecuentemente desatendido, non se perda”, engade o rexedor.

O Patrimonio cultural inmaterial ou Patrimonio cultural intanxible forma parte das declaracións da Unesco para salvagardar.

Anuncios