Oia e Baiona acollerán a primeira edición do Desafío Talaso Atlántico

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

As localidades de Oia e Baiona acollerán o domingo 30 de abril a primeira edición do Desafío Talaso Atlántico, proba organizada por Ciclismo Oiense e apadriñada por Óscar Pereiro, vencedor do Tour de Francia do ano 2006 e que abre o calendario de marchas cicloturistas da Federación Galega de Ciclismo.

A proba, que foi presentada este xoves, partirá ás 10:00 horas das instalacións do Hotel Talaso Atlántico. O pelotón percorrerá un tramo neutralizado chairo de 23 km por Baredo, Faro de Cabo Silleiro, Oia (capela de San Sebastián) e Porto de Oia.

Ás 11:00 horas desde o nivel do mar (altitude 00), diante do Mosteiro Cisterciense, darase a saída ao prato forte da xornada, a Crono-Escalada Cicloturista de 17 km pola Valga, Torroña e o Alto da Serra da Groba (altitude 633), con meta no final de etapa da Volta Ciclista a España do ano 2013. Unha vez avituallados e repostas as forzas, a marcha renovarase para percorrer os restantes 20 km neutralizados por Chan da Lagoa, Baíña, Baiona e finalizar no Talaso Atlántico despois de percorrer 60 km.

Na chegada ao Talaso procederase á entrega de obsequios, consistentes en bonos regalo de estancia para 2 persoas con almorzo e percorrido de talasoterapia incluído, aos primeiros de cada categoría da crono-escalada, ao club con máis participantes e ao participante máis veterano. Tamén co número de dorsal, particípase no sorteo de bonos regalo, para percorridos atlánticos de talasoterapia e diversos agasallos.

Rematará a xornada coa comida fin de marcha, cun menú especial para deportistas deseñado por un nutricionista do Hotel Talaso Atlántico.

O custo da inscrición é de 10 € para os ciclistas federados e de 20 € para os ciclistas non federados que inclúe a licenza de 1 día da Federación Galega de Ciclismo. Hai que facer a inscrición a través de http://www.fgalegaciclismo.es (buscar CALENDARIO, abril, I Desafío Talaso, Preinscricións). Máis información en http://www.ciclismooiense.com ou a través do WhatsApp 666 609 410.

No acto de presentación, celebrado no Hotel Talaso Atlántico, estiveron presentes Carlos Alonso, Presidente de Ciclismo Oiense, Rosana Canda, Directora do Talaso Atlántico, Consuelo Besada, Deputada Provincial de Deportes, Javier Calvo, Primeiro Tenente de Alcalde de Oia, e Juan Carlos Muñiz, Presidente da Federación Galega de Ciclismo.

Anuncios