As entidades veciñais de Gondomar reclaman a aprobación definitiva do Regulamento de Participación Cidadá

A Coordinadora de Entidades Veciñais de Gondomar vén de presentar, a través do rexistro do Concello, unha solicitude dirixida ao Alcalde, Francisco Ferreira, para que inclúa na orde do día do pleno de primeiros do mes de abril a aprobación definitiva do Regulamento de Participación Cidadá. Así mesmo, as entidades veciñais solicitan poder intervir nese pleno para se dirixir ao conxunto da corporación e solicitar desta o voto favorable á súa aprobación.

Desde a Coordinadora lémbranlle aos grupos que asinaron o acordo de goberno en xullo de 2015, o compromiso adquirido daquela: por un lado no Código Ético, onde se comprometían a promover a participación veciñal na toma de decisións relevantes e na posición política do goberno en asuntos estratéxicos e proxectos de impacto; por outro nas medidas a priorizar no Programa de Goberno, onde figuraba en segundo lugar a seguinte: artellar mecanismos para a participación e o control da acción do goberno por parte da veciñanza nas parroquias a desenvolver polo Regulamento de Participación Cidadá.

Xa van alá cerca de dous anos desde a sinatura deses acordos e nalgúns casos semella que o asinado pode perder valor co paso do tempo.

Pola súa parte, as entidades veciñais, como axentes sociais implicadas, fixeron a súa parte de traballo no proceso de elaboración do articulado. Así no mes de novembro, dentro do prazo de exposición pública, a Coordinadora presentou 57 alegacións ao texto aprobado inicialmente no mes de setembro, máis da metade das emendas totais presentadas. Desas foron aceptadas 49, o que contribuíu notablemente á mellora do texto definitivo.

Agardan agora que as forzas políticas representadas no concello, estean ou non no goberno, fagan o seu: aprobar definitivamente un regulamento, que aínda que mellorable, serva, tal como recollen as primeiras liñas do preámbulo do mesmo, para exercer a participación veciñal, o dereito das persoas a intervir no proceso de toma de decisións no ámbito local, que constitúe parte inseparable da sociedade democrática.