Baiona convoca unha liña de subvencións para actividades deportivas organizadas por asociacións

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Deportes, convoca unha liña de subvencións destinadas a fomentar e difundir aquelas actividades deportivas organizadas polas asociacións sen ánimo de lucro no ámbito territorial do Concello de Baiona durante o ano 2022.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca a importancia destas axudas ao deporte local, debido a que “estas axudas económicas teñen a finalidade de sufragar parte dos gastos ocasionados pola realización de proxectos ou actividades deportivas, que contribúen ao fomento da práctica deportiva entre a veciñanza do municipio. Continuamos traballando desde o Concello de Baiona en fomentar o deporte de base e desta maneira referendamos estas axudas”.

As solicitudes deberán presentarse unicamente pola Sede Electrónica do Concello de Baiona ata o 8 de marzo. Toda a documentación e anexos necesarios atópanse no taboleiro de anuncios da web municipal. As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados dispoñibles na páxina web do Concello de Baiona.