O IEM presenta este sábado «Os nomes de Camos: do Outeiro dos Enforcados ao Sampiaio»

Este sábado 1 de abril ás 19:00 horas terá lugar no centro cultural «A Camoesa» a presentación pública do traballo «Os nomes de Camos: do Outeiro dos Enforcados ao Sampiaio».

Se a climatoloxía o permitise faríase unha pequena visita guiada saíndo do centro cultural ás 17:30 e pasando polo Lugar das Pedras, a Bandeira e o Muíño do Grilo.

Esta iniciativa foi promovida e realizada polo IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) co financiamento do Concello de Nigrán e coa colaboración inestimable dos veciños e veciñas da parroquia, depositarios deste patrimonio cultural transmitido de xeración en xeración, na actualidade en serio perigo de desaparición.

Este traballo forma parte dun proxecto moito máis amplo que desde o IEM pretende recoller, documentar, preservar e poñer en valor a toponimia de todas as parroquias de Nigrán, dos tres concellos do Val Miñor e, na medida do posible, doutros concellos e comarcas da contorna próxima.

Anuncios