Sin categoría

Caino e Carlos Padín, “Dúas miradas á arte” no Liceo Marítimo de Baiona

O Liceo Marítimo de Baiona acolle durante o mes de agosto a exposición “Dúas miradas á arte”, de Claudio Vasconcellos “Caino” e Carlos Padín. No medio do singular mundo da cultura baionesa, é obrigado mencionar a estes dous pintores: ao veterano Caino, con máis de cincuenta anos pintando a súa amada vila; e ao vigués Carlos Padín, cos seus brillantes traballos sobre Baiona desde hai pouco, inmortalizando nos seus lenzos, as rúas, os recunchos, as súas paisaxes, as praias…

No verán de 2022, os dous artistas atópanse polos carreiros da arte, a través da exposición conxunta de pintores baioneses na vila francesa de Pornic, celebrando o XXV aniversario do seu irmandamento con Baiona. Enseguida flúe entre eles unha boa amizade e unha mutua comprensión artística. Con estilos completamente diferentes, intercambiar proxectos e pareceres sobre o seu, a pintura. No seu afán artístico aúnan ideas, e inician entre os dous un futuro inmediato entrelazado polas súas obras. Así xorde a primeira exposición destes dous pintores na Confederación de Empresarios de Pontevedra en Vigo, en maio e xuño de 2023.

Os dous contan con numerosas exposicións individuais. “Dúas miradas á arte” reúne no Liceo Marítimo de Baiona unha prometedora mostra conxunta sobre os seus recentes traballos. Mesturando estilos, de formas diferentes, pasando dos ensoñadores trazos de Caino, ás precisas pinceladas de Padín… da fábula imaxinativa dun, á fidelidade expresiva do outra… Arte pura, dúas miradas. A mostra está aberta ao público en horario de 9:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:30 horas.