Luís Bará presenta este xoves o seu libro “Non des a esquecemento” no IEM

O xoves 30 de marzo ás 20:30 horas terá lugar a presentación do libro «Non des a esquecemento» de Luís Bará Torres na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avenida da Feira, 10 baixo en Gondomar.

Intervirán ademais do autor, Montse Fajardo e Xosé Lois Vilar, e os asistentes gozarán da actuación musical do guitarrista Fernando Blanco.

«Este libro é unha compilación dos artigos publicados no blog Non des a esquecemento ao longo de case tres anos, desde comezos de 2014 a setembro de 2016. Mais sobre todo é a resposta a unha necesidade vital: a procura da verdade e da xustiza arredor das vítimas da represión franquista en Galiza, a vontade de contar o que pasou nun relato emocional, subxectivo, belixerante, impregnado da memoria oral, receoso dos informes oficiais e afastado tamén da neutralidade e da distancia de moitos estudos académicos.

Porque a crónica de acontecementos como os que aquí se relatan só ten sentido se forma parte dunha arela ética e política fundamental: a da reivindicación dos ideais e valores polos que loitaron e foron perseguidas tantas persoas ao longo de décadas; a militancia na causa da liberdade, da xustiza social, da igualdade; o compromiso por construír unha Galiza dona de si, próspera, solidaria, respectada. Esa é a mellor maneira de rescatalos do silencio das gavias e dos cemiterios; a vitoria última contra a inxustiza, o terror e a mentira do franquismo; a verdadeira e definitiva homenaxe despois da amnesia e a amnistía decretadas na transición e no tempo que veu despois.»

Fragmento do Epílogo do libro Non des a esquecemento.

Anuncios