O Obradoiro “Valmiemprega Xove” deseña unha guía turística e 14 dípticos e trípticos

Unha ampla guía turística e unha serie de folletos conformada por 14 dípticos e trípticos diferentes, conforman a serie de materiais que o alumnado do Obradoiro de Emprego Valmiemprega Xove ten elaborado para promocionar unha imaxe conxunta dos recursos turísticos do Val Miñor.

Os folletos elaborados céntranse en temáticas, recursos ou espazos de todo o Val Miñor, atendendo monograficamente a aspectos como natureza, sendeirismo, rutas fluviais, arte rupestre, pazos, muíños ou gastronomía e produtos típicos, así como a lugares como a Serra do Galiñeiro, Serra da Groba, fachada atlántica ou Foz do río Miñor, ao que se engaden os folletos que promocionan as visitas ás parroquias rurais dos tres concellos miñoranos.

Elaborados en formatos diferentes, están dispoñibles tanto en idioma galego como en castelán. Igualmente se incorporan a esta serie 5 folletos en inglés. Os concellos poderán dispoñer deste material en formato dixital, de forma que poidan estar dispoñibles para ser descargados por calquera turista ou cidadán interesado.

Finalmente, e en relación coas homenaxes que este ano está a recibir o escritor Carlos Casares, ao que se dedica o Día das Letras Galegas 2017, o Obradoiro Valmiemprega Xove ten elaborado un folleto titulado “Carlos Casares. O noso veciño, o escritor”, que pretende contribuír á difusión da obra e da figura deste persoeiro que tanta vinculación tivo coa comarca miñorana. Exemplares deste folleto estanse a remitir aos centros escolares, concellos e bibliotecas dos tres municipios.