Gondomar acolle este domingo 26 de marzo a terceira edición da Milla Anemia de Fanconi. Trátase dun proxecto totalmente solidario, xa que a organización doará o 100% da recadación da carreira á Asociación Española Anemia de Fanconi, co fin de axudar no labor que realiza esta asociación.
La Caixa apoia a iniciativa e o pasado venres fixo entrega aos organizadores dunha achega de 3.000 euros que irán destinados á investigación desta patoloxía, considerada dentro do grupo de enfermidades raras.
En Galicia existen cinco casos diagnosticados de Anemia de Fanconi, todos eles relacionados con familias do Val Miñor, motivo polo cal a organización seleccionou este emprazamento para a celebración da carreira.
O circuíto situarase na contorna do Campo de Fútbol das Cercas, cun percorrido apto para todas as categorías, desde pitufos ata veteranos. A distancia do mesmo oscilará entre os 100 metros e os 1.609 metros -unha milla-, dependendo da categoría.
Dorsal Solidario
Todas aquelas persoas que queiran contribuír coa causa, pero non desexan realizar a carreira, a organización dálles a posibilidade de realizar o donativo no DORSAL 0, cuxo importe irá parar integramente á Asociación Española de Anemia de Fanconi.

