Concello de Gondomar e IEM convocan o X Premio de Poesía Victoriano Taibo

Por décimo ano consecutivo, o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, convoca unha nova edición do premio de poesía que pretende honrar a figura de Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, mestre galeguista, creador de ducias de artigos sobre a lingua e sobre feitos e personaxes galegos, narrador, membro da Real Academia Galega e do Instituto Histórico do Minho, persoeiro, en fin, de méritos acreditados e fondamente comprometido coa lingua e a cultura galegas.

O premio instituíuse no ano 2008 co mecenado inicial da Entidade Local Menor de Morgadáns que, en 20015, a través do novo equipo de goberno resultante das últimas eleccións, eliminou unilateralmente o compromiso adquirido, e a continuidade do premio quedou garantida polo Concello de Gondomar, que asumiu o mecenado a partir dese momento. Dende aquela data inicial o acervo literario galego incrementouse con 10 novos poemarios de 11 autores diversos que acadaron sempre críticas favorables.

Esta aparente incoherencia entre 9 certames, 10 libros e 11 autores ten doada explicación. En 2009 o premio foi repartido ex aequo entre dous poemarios; un deles, ademais, era de dobre autoría. Esta é a relación dos galardóns concedidos ata o de agora:

2008 – Carlos negro – Cultivos transxénicos
2009 – Elvira Tobío e Silvia Penas – Biografía da multitude
MªCarmen Caramés – Cuarto minguante
2010 – Mª Goretti Fariña – Devastacións dispoñibles
2011 – Calros Solla – Holocausto Zacoe
2012 – Conchita Álvares Lebredo – Distancias e simetrías
2013 – Ramón Sandoval – Territorios estraños
2014 – Lara Rozados – O caderno amarelo
2015 – Iñaki Varela – Do outro lado das portas
2016 – Xosé Iglesias Lamela – A relixión do mar

O último poemario citado está aínda de plena actualidade, acadando críticas moi favorables e colleitando éxitos nas diferentes presentacións (incluída a realizada, suxestivamente, por el dende o seu barco) que están tendo lugar en moitos e diversos lugares de Galicia, como antes fixeron outros.

Queda, pois, convocado, no centenario da fundación da Irmandade da Fala de Santiago, o X Premio de Poesía Victoriano Taibo dirixido a poetas en lingua galega que queiran achegar as súas obras antes do 31 de xullo de 2017, como se recolle nas bases.