A Deputación de Pontevedra aproba o seu Plan Estratéxico do Deporte

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno o Plan Estratéxico do Deporte 2017-2020 unha vez concluído o prazo de achegas dos interesados. Segundo subliñou a Presidenta, Carmela Silva, este plan desenvolveuse coa colaboración de todo sector deportivo da nosa provincia.

O plan contou cun prazo aberto para que o propio sector puidera facer as súas achegas e “agora unha vez concluído ese prazo procedemos a súa aprobación definitiva en Xunta de Goberno, aínda que algunhas das cousas que expón xa as estamos a desenvolver por adiantado”, destacou Silva.

Este plan estratéxico promove a elaboración dun o Plan Director de Instalacións Deportivas, para coñecer as instalacións e espazos deportivos existentes na provincia e as necesidades de creación de novas infraestruturas. Tamén se realizará unha guía de mantemento e modernización das instalacións, impulsando a eficiencia enerxética.

Dentro das medidas recollidas no plan estratéxico que xa están en marcha, cabe subliñar o impulso as DEPOrte Escolas para facelas chegar a toda a poboación infantil garantindo un maior incremento na oferta para iniciar na práctica deportiva a todas as nenas e nenos da provincia. O fomento do tecido asociativo tamén está funcionando con liñas de colaboración por concorrencia competitiva para o fomento da práctica deportiva, para o financiamento dos clubs con equipos en alto nivel, impulsando convenios para impulsar a colaboración entre as asociacións e os centros educativos especializados, modernizando, incentivando a calidade, impulsando programas de promoción do deporte e de formación, creando seminarios e xornadas de intercambio de experiencias ou promovendo campionatos deportivos.

Unha das novidades é a creación dun proxecto de imaxe de marca provincial para o fomento do deporte encamiñada a obter un selo de calidade deportiva. A través desta marca fomentaranse hábitos saudables e tamén valores positivos como o xogo limpo ou traballo en equipo.

Anuncios