Oitava xornada da liga galega de xadrez para o Club Laroca

FOTO: CLUB DE XADREZ LAROCA

Este sábado celébrase a oitava xornada de liga de xadrez, na que o Club Laroca de Nigrán participa con cinco equipos.

Na primeira división, o Laroca A, actualmente situado na terceira posición con 17 puntos, desprázase a terras de Ourense para enfrontarse nunha dura xornada ao Universitario de Ourense A, equipo que ocupa a segunda posición con 18.5 puntos.

Na segunda división o equipo do Laroca B desprázase a Vigo para enfrontarse o actual líder da categoría, Mosefea & The Wailers, mentres o outro representante na categoría, o Laroca C, xogará na sede de Mallón contra o equipo pontevedres da EXP Concello de Pontevedra.

Na terceira división o equipo de Mallón Laroca descansará mentres que o equipo do IES Auga da Laxe terá unha dura xornada no seu desprazamento a Vigo para enfrontarse ao Villa de Bouzas B, ambos equipos van empatados na segunda posición con 18.5 puntos e a falta de dúas xornadas xogaranse unha das dúas prazas de ascenso de categoría, xa que a primeira é difícil que a perda o equipo da Once.

Por outra banda, este domingo a partir das 16 horas, terá lugar no IES Auga da Laxe de Gondomar a primeira xornada da liga de cuarta división, organizada pola Federación Galega de Xadrez coa colaboración do propio instituto e o Club Laroca.

Agora participarán 27 equipos, que suman 190 rapaces da zona sur da provincia de Pontevedra. Esta liga, pensada para os rapaces que se están iniciando neste deporte, desenvolverase en dúas fases, a primeira xornada clasificatoria e unha segunda, a celebrarse o domingo seguinte 2 de abril a fase final da liga.