Anuncios
Ticker de novas

O Okofen, campión da Liga de Inverno J80 do Monte Real

Liderado polo histórico regatista vigués Javier de la Gándara, o Okofen alzouse vencedor esta tarde en Baiona de Liga de Inverno Clase J80, organizada polo Monte Real Club de Yates e disputada en augas da baía baionesa en seis xornadas desde o pasado mes de xaneiro.

Coa súa tripulación habitual, formada por Diego Fernández, Jaime de la Gándara e Hugo Ferreiro, aos que se sumou hoxe Ramón Ferreiro, De la Gándara sentenciou unha competición na que se mantivo líder desde o principio. Asinou catorce primeiros postos e dous segundos nas dezaseis probas disputadas, deixando sen apenas posibilidades ao resto de competidores.

Suma así o Okofen unha nova vitoria nas competicións de monotipos celebradas en Galicia, tras gañar, nos últimos meses, o Trofeo Príncipe de Asturias na categoría de J80 e a Liga de Outono de J80 do Monte Real Club de Yates.

O segundo posto da Liga de Inverno foi para o MiudobyStorax, un barco con acento portugués polo que pasaron varias tripulacións. Á cana estiveron, nas diferentes xornadas, Rui Ramada, Francisca Barros, Alfonso Leite, Tiago Roquete e, nesta última etapa, Miguel Leite.

Non lograron os lusos uns resultados tan claros como o Okofen, ao que só puideron impoñerse nunha ocasión, pero o asinar gran parte dos segundos postos das diferentes probas permitiulles facerse finalmente coa prata da competición.

O bronce foi para o Virazón de Miguel Lago, outro dos habituais nos podios de J80. Tras cederlle o mando da embarcación a Javier Rey durante varias xornadas, Lago regresou nesta última etapa para asegurarse, co seu habitual bo facer, a terceira posición.
A un paso do podio, separado do Virazón por apenas tres puntos, quedou o Ferralemes de Enrique Porto; e Cansino de Fernándo Yáñez, patroneado hoxe por José de la Gándara; e o Mondo de Bernardo Macedo, conseguiron o quinto e sexto posto. Pechan a clasificación final o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, o Pazo de Cea de María Campos, o Namasté de Luis de Mira, o Alumisel de Willy Caamaño, o Marías de Manuel María Cunha e o Náutico Cormorán de Francisco Javier Martínez.

A Liga de Inverno Clase J80, organizada polo Monte Real Club de Yates, disputouse en seis xornadas desde o pasado mes de xaneiro en augas da baía baionesa. As doce tripulacións participantes completaron cinco etapas iniciais con percorridos barlovento sotavento e unha regata costeira na etapa final, celebrada esta tarde.

O punto e final da competición púxoo unha cea de confraternización celebrada nas instalacións do Monte Real, na que se entregaron os premios aos gañadores.

CLASIFICACIÓN FINAL LIGA DE INVERNO CLASE J80

1. Okofen – Javier de la Gándara ( 14 puntos)
2. MiudobyStorax – Rui Ramada / Francisca Barros (33 puntos)
3. Virazón – Miguel Lago (60 puntos)
4. Ferralemes – Enrique Porto (63 puntos)
5. Cansino – Fernándo Yáñez (75 puntos)
6. Mondo – Bernardo Macedo (79 puntos)
7. Luna Nueva – Juan Luis Tuero (95 puntos)
8. Pazo de Cea – María Campos (97 puntos)
9. Namasté – Luis de Mira (100 puntos)
10. Alumisel – Willy Caamaño (142 puntos)
11. Marías – Manuel María Cunha (146 puntos)
12. Náutico Cormorán – Francisco Javier Martínez (163 puntos)

Anuncios