Anxo Uzal e Diego Otero participan este sábado no Campionato de España

FOTO: CLUB DE LOITA SABARÍS

Os loitadores de Baiona e integrantes do Club de Loita Sabarís, Anxo Uzal e Diego Otero, participarán este sábado na cita máis importante do calendario nacional, o Campionato de España Sénior e Cadete, que se celebrará durante todo o día no Pavillón Municipal de Deportes da cidade de Pontevedra.

Cunhas cifras de record: 550 inscritos, 17 comunidades autónomas, árbitros nacionais e internacionais para dirixir este evento e a retransmisión en streaming do mesmo, son os mellores alicientes para non perderse esta cita.

Galicia acode como anfitrioa a un evento no que aspira a mellorar o resultado do ano pasado. O obxectivo é proclamarse campioa de España por autonomías. Para iso, os seleccionadores galegos traballaron coas diferentes seleccións a fin de conformar os mellores equipos posibles. As tres últimas concentracións autonómicas así o testemuñan. Galicia contará cun equipo conformado por 60 integrantes entre deportistas, adestradores e árbitros, sendo unha das seleccións máis numerosas do campionato.

Anuncios