Anuncios
Ticker de novas

O Obradoiro Terras do Miñor ofrece un almorzo saudable a 120 escolares da comarca

FOTO: PEPE COSTAS

A quinta edición do Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor”, promovido pola Mancomunidade do Val Miñor e subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, estase a desenvolver desde o 1 de decembro de 2016 na Residencia de Tempo Libre de Panxón.

Dentro da programación de actividades, vinte alumnos traballadores (10 de operacións básicas de cociña e 10 de servizos de restaurante) encárganse de preparar e servir almorzos saudables dirixidos a escolares de colexios públicos dos tres concellos da Mancomunidade do Val Miñor.

“A idea é ir educando na importancia da alimentación saudable e a nutrición”, apunta o director do obradoiro, José López Rodríguez. O alumnado traballador do Obradoiro de Emprego prepara uns talleres de froitas que ofrecerán este xoves ás 10:00 horas a 120 alumnos na Residencia de Tempo Libre de Panxón.

Ademais, os nenos e nenas participantes recibirán antes unha charla da destacada nutricionista miñorana Gloria Pérez para finalmente degustar o almorzo saudable preparado e servido polo alumnado traballador do obradoiro.

Anuncios