A madrugada do domingo, 26 de marzo, comeza o horario de verán

O próximo fin de semana comeza o horario de verán, que supón adiantar unha hora os reloxos para aproveitar mellor a luz solar polas tardes. É dicir, na madrugada do domingo, 26 de marzo, ás dúas da madrugada serán as tres. Este cambio horario é parte da directiva europea 2000/84/CE que afecta a todos os Estados membros da Unión.

A directiva obriga a aplicar un réxime horario de verán e un calendario común para as datas e horas ás que debe comezar e finalizar devandito horario para todos os Estados membros. Non existe a posibilidade de excepción que permita a un Estado membro non aplicar o réxime da hora de verán.

Segundo un estudo realizado pola Comisión Europea, esta medida ten impactos positivos non só sobre o aforro enerxético senón sobre outros sectores como o transporte, as comunicacións, a seguridade viaria, as condicións de traballo e os modos de vida, a saúde, o turismo ou o lecer.

O cambio horario remóntase á década dos 70, cando se produciu a primeira crise do petróleo e algúns países decidiron adiantar os seus reloxos para poder aproveitar mellor a luz natural do sol e consumir así menos electricidade en iluminación.

Anuncios