Anuncios
Ticker de novas

Unha foca aparecida na Guarda recuperarase no CEMMA de Nigrán

FOTO: ANABAM // "Guardesiño".

Unha foca viva apareceu este domingo a iso das nove da mañá no porto da Guarda. Iago Androver, un mariñeiro que ía botar as redes, foi quen a viu, e xunto con outros mariñeiros meteuna nunha caixa de peixe. Preocupados polo seu estado deron aviso á Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), e estes á súa vez á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), para o seu traslado á UCI.

Trátase dun lobo mariño cincento duns tres meses de idade, bautizado xa co nome de “Guardesiño”, xa que é un macho. Estes animais nacen nas costas irlandesas e cando se senten mal no mar nadan ata chegar a terra. Quedou exhausto no camiño, polo que agora pasará un tempo de recuperación na unidade de coidados intensivos do centro do CEMMA en Nigrán, antes de ser devolta ao seu hábitat natural nun barco pesqueiro do Gran Sol.

Este é o cuarto rexistro dunha foca no Baixo Miño. O primeiro, xa fai varias décadas, sucedeu en Oia, e os tres restantes na Guarda.

Anuncios