O Laroca disputa este sábado a sétima xornada da liga galega de xadrez

FOTO: CLUB DE XADREZ LAROCA

Este sábado celébrase a sétima xornada da liga galega de xadrez, na que o Club Laroca de Nigrán participa con cinco equipos.

Na primeira división no grupo C, o equipo do Laroca A enfrontarase na sede do club de Cotros ao Xadrez Ourense B. Os laroqueiros intentarán nesta xornada asaltar a segunda posición da táboa clasificatoria.

Na segunda división o equipo de Laroca B terá unha xornada difícil ante o Mos A, onde os laroqueiros intentarán sumar puntos que os acheguen ao obxectivo de manter a categoría. O equipo mosense ocupa a cuarta praza con 15.5 puntos, pola oitava dos miñoranos con 11 puntos. Por outra banda, tamén complicada xornada para o outro representante na segunda división, o Laroca C, que desprazarase á Guarda para enfrontarse ao actual segundo clasificado da categoría, e a un só punto do líder, o Albatros A.

Na terceira división no seu grupo I, o equipo do Mallón Laroca desprazarase a terras da Louriña para enfrontarse ao Mos E. Os laroqueiros intentarán sumar os catro puntos en xogo e achegarse ás dúas primeiras posicións que dan prazas para o ascenso de categoría. Actualmente ocupan a quinta posición con 13.5 puntos. Por outra banda o equipo do IES Auga da Laxe Laroca, que ocupa a cuarta posición con 15 puntos, a tres do líder Bouzas B, que nesta xornada descansa, intentará aproveitar para ascender a unha das dúas primeiras prazas, enfrontarase en Nigrán ao equipo do EXP-CSCR Beade.

Anuncios