Condenan ao traumatólogo que atendeu a Desirée Vila a indemnizala con máis de 2 millóns de euros

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Xulgado do Penal número 3 de Vigo condena a dous anos de prisión e inhabilitación especial para o exercicio da profesión médica por un período de 4 anos ao traumatólogo P.L.P., que atendeu no Centro Médico El Castro á nova ximnasta Desirée Vila Bargiela, e que acabou perdendo unha perna ao ser necesario practicarlle unha amputación.

O 26 de febreiro de 2015, a moza deportista gondomareña sufriu un accidente mentres realizaba exercicios na cama elástica durante un adestramento no Club Flic Flac de Vigo, producíndose unha hiperextensión forzada de xeonllo da súa perna dereita. Foi trasladada, inicialmente ao Hospital Fátima onde, logo de serlle practicada unha exploración física e probas complementarias radiolóxicas, foi diagnosticada dun traumatismo no xeonllo dereito con imaxe de arrancamento do peroné dereito, e derivada ao Centro Médico El Castro.

Unha vez alí, foi examinada por un médico de garda, quen, tras apreciar a existencia dunha lesión de xeonllo dereito, con subluxación posterior, fractura do peroné proximal con arrancamento e desprazamento e posible fractura do prato tibial interno, e de prescribir repouso na cama, perna no alto con férula e analxésicos, comunicoulle telefonicamente ao acusado o ingreso da paciente ao seu cargo o cal, informado destes extremos, non considerou oportuno visitala ata as 11 horas do día 27 de febreiro de 2015.

O acusado, no período comprendido entre a noite do día 27 de febreiro de 2015 e a mañá do día 1 de marzo de 2015, durante o cal a paciente estaba ao seu cargo, omitiu, en termos incompatibles coa esixible «lex artis», a realización de probas diagnósticas complementarias, tales como un eco-doppler ou unha arteriografía/Angio TAC, que resultaban aptas para descartar a existencia de lesións vasculares na arteria poplítea ou que permitisen o seu diagnóstico e tratamento en tempo idóneo, a pesar de que os traumatismos de alta enerxía nos xeonllos levan asociados, nun gran número de ocasións, de forma concomitante a outras lesións multiligamentosas ou neurolóxicas, lesións vasculares na poplítea. Como consecuencia desta conduta, non adecuada á boa práctica médica, e da consecuente falta de utilización das probas diagnósticas precisas e do atraso asociado no diagnóstico da lesión traumática na capa íntima da arteria poplítea, que orixinou unha trombose arterial e que evolucionou nunha isquemia irreversible, foi finalmente precisa a amputación supracondilea -por encima do xeonllo- da perna da paciente, xa no servizo de urxencias do hospital Povisa.

A xuíza considera ao traumatólogo responsable dun delito de lesións por imprudencia grave con perda de membro principal e grave deformidade. Condénao así mesmo a indemnizar á prexudicada en máis de dous millóns de euros (2.154.684,73 euros). A sentenza non é firme e pódese recorrer ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.

Anuncios