Baíña FS, Suárez Gándara e José Manuel Conde, distincións especiais na Gala do Deporte de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Concello de Baiona deu a coñecer este xoves as Distincións Especiais que entregará durante a VI Gala do Deporte de Baiona que celebrará o próximo 25 de marzo ás 19:00 horas no Auditorio V Centenario.

Francisco Javier Suárez Gándara, José Manuel Conde González e o Baíña Fútbol Sala foron este ano os elixidos para recibir os premios especiais que recoñecen a traxectoria de deportistas e entidades deportivas da Vila.

Francisco Javier Suárez Gándara, máis coñecido por todos os miñoranos como “Paco”, foi un pioneiro no deporte baionés ao promover o fútbol sala. Moi vinculado coas actividades deportivas en Sabarís, dedicou toda a súa vida a fomentar a práctica do fútbol sala e son moitos os veciños da bisbarra os que se achegaron a esta modalidade grazas a súa gran labor.

Pola súa banda, José Manuel Conde González é un atleta de fondo que hoxe en día continúa en activo e demostrando a súa tenacidade. Con excelentes resultados en probas tan esixentes coma o “Vigo 24 horas”, o Concello de Baiona quere así premiar a súa actividade deportiva e a súa resistencia.

Por último, a VI Gala do Deporte tamén concede unha das tres mencións especiais ao Baíña Fútbol Sala pola súa traxectoria ao longo dos últimos anos. Os seus responsables serán galardoados pola súa labor altruísta no fomento do deporte no municipio e por manter un crecemento no número de equipos que todas as semanas xogan nas diferentes categorías.

O Concello de Baiona, a través do Departamento de Deportes, estableceu sete categorías para nomear aos mellores deportistas e clubs do ano 2016. Así, sairán gañadores o Mellor Deportista Masculino e Feminino, Mellor Deportista de Base Masculino e Feminino, Mellor Patrocinador e Mellor Evento. Haberá tres finalistas de cada categoría e durante a gala se coñecerán aos gañadores.

Anuncios