O Partido Popular de Baiona négase a aceptar medidas en favor do vehículo eléctrico

A moción do Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas en Baiona avogaba por unha adaptación da normativa municipal que impulsase e contribuíse á implantación do vehículo eléctrico como unha alternativa real ao transporte privado con motores de combustión.

Se ben é certo que a ordenanza reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica, coñecido habitualmente como a rodaxe, xa contempla en Baiona unha redución do 75%, tamén o é que as normativas urbanísticas municipais non se teñen adaptado á realidade e cambios nos hábitos que supón o uso dun transporte que contribúe á redución da emisión de CO2 e o ruído.

As dúas principais eivas con que se pode atopar o usuario dun vehículo eléctrico son a súa autonomía e os tempos de recarga, polo que se deben facilitar medios para combatilas. Esa é a clave pola que a instalación de puntos de cargas en Baiona contribuirá non só a que cada vez máis persoas opten por esta opción aínda hoxe minoritaria, senón que aquelas que xa o sexan poñerían no punto de mira das súas rutas e visitas a un concello que di presumir dunha excelencia turística que semella esquecerse á hora da innovación.

“As vagas escusas de que hai que agardar «a ver que pasa» cos estudos doutras administracións públicas non delatan máis que unha sumisión e falta de previsión do Goberno Municipal. Cando o uso do vehículo eléctrico estea moito máis estendido Baiona estará aínda prevendo e estudando situación e proxectos para instalar puntos de carga en instalacións municipais ou nas súas rúas”, sinalan desde o BNG.

“Resulta paradóxico como cando xorden rumores da instalación dunha megafactoría de Tesla no noso entorno a todo o mundo parécelle prioritario, toda vez que os plans da empresa pioneira na fabricación de coches eléctricos non contempla nos seus plans a medio e longo prazo nin un só supercharger en toda Galicia”.

“Esa é a diferenza entre un Goberno Municipal que non ten proxecto para Baiona e un BNG-AA que ten perfectamente definida a orientación cara unha Baiona que afronte o Século XXI á vangarda”, conclúen os nacionalistas.