O Concello de Nigrán proxectarase ao exterior este verán baixo a mirada de Gonzalo Gómez Sala, artista nigranés con síndrome de down artífice da marca “DeGonza”. Con este propósito, as súas ilustracións máis características forman xa parte dun cento de tote-bags, panos triangulares e gorras baixo o logotipo “Nigrán, Equilibrio Natural”. Así, estes serán os novos agasallos institucionais que empregará o Concello de cara aos diferentes eventos relacionados coa cultura, o deporte e a natureza.
“Consideramos a nosa obriga apoiar aos veciños emprendedores, e máis aínda cando afrontan unha discapacidade, pero contratamos a Degonza pola súa indubidable calidade artística, non é caridade ou solidariedade”, explica o alcalde, Juan González, quen xa contou no 2023 con Gonzalo para pintar unha caseta-vestiario para o surf adaptado na Praia da Cansadoura. “Gustou moito porque son debuxos coloristas e alegres que encaixan moi ben en calquera soporte, por iso quixemos dar un paso máis promocionando Nigrán desde unha perspectiva inclusiva”, explica González.
Gonzalo Gómez Sala é coñecido por expresar a súa creatividade, visión e realidade cos seus debuxos ante a dificultade de comunicarse verbalmente. “Gonza” forma parte do grupo “Diseñatas” dirixido polo profesor Alberto Ardid na Fundación Igualarte (fundación artística integral, para persoas con capacidades diferentes, situada en Vigo). Estes se comercializan en forma de camiseta, suadoiro, láminas… e agora engade para o Concello bolsas de algodón (tote-bags) e gorras.
Todas as mañás Gonzalo dedica unhas horas na súa casa e xunto ao seu compañeiro e asistente Simón Fernández, a serigrafiar camisetas, realizar novas ilustracións, empaquetar e enviar os artigos vendidos (en tendas ou pedidos)… Despois quédalle tempo para saír a montar en bicicleta, practicar surf ou xogar ao fútbol, algunhas das súas afeccións favoritas. “Sempre foi un artista que pinta e toca o piano”, subliña a súa nai Ana, quen defende o proxecto “Degonza” como unha marca empresarial e non un proxecto solidario.

