Vibrante encontro o vivido esta tarde en Gondomar onde os locais xogaron un partido moi serio de inicio a fin e quedaron con tres puntos vitais nas súas aspiracións ligueiras.
O partido era un dos que estaba marcado no calendario a lume, xa que o bo conxunto redondelán foi un dos escollos máis difíciles da tempada pasada. Pero nesta ocasión o Cereixa FS non deu opción e apropiouse do partido para sumar outros tres puntos e alcanzar as 50 unidades.
Comezaron ben as cousas cando aos dous minutos Luca cedía para Esteban Fernández Figueiras que marcaba o primeiro cun disparo cruzado (1-0). O visitante movíase ben sobre a pista, pero non tiña definición. Sería a balón parado e cun lixeiro rebote cando alcanzaría o empate de falta directa (1-1).
O Cereixa FS non desesperou e o cachorro do equipo (Borjita) doutorábase cun disparo cruzado subindo o 2-1 ao electrónico. O equipo seguiu presionando e Luca nunha boa contra conectaba con Gabriel Denis Vasconcellos para colocar o 3-1.
Descanso e xogadores a vestiarios.
Na continuación o visitante saíu a descontar e pasados seis minutos atopaba o premio; 3-2. Foron momentos de abafo para o local que con todo non cesou na súa intención de gañar o partido e nunha contra rápida, Huguito Gonzálvez habilitaba a Edu Rodríguez que conectaba con Luca para o 4-2.
Inmediatamente o Redondela FS sacou porteiro-xogador, pero a férrea defensa local impedía unha e outra vez o perigo visitante. Tanto foi así que Edu Rodríguez Pérez, roubaba un balón e marcaba a pracer para dar tranquilidade (5-2). Insistiu o visitante porque xa non tiña que perder e nun centro cruzado, o mesmo Edu desviaba o balón involuntariamente á súa portería (5-3). Desde ese momento e ata o final, o visitante tentou, pero non só non puido descontar se non que nunha contra Gabriel Denis Vasconcellos subía o sexto ao electrónico (6-3).
Final e os puntos que se volven a quedar na casa. Quedan oito finais e o Cereixa FS irá a por todas.

