Sin categoría

CABE manifesta un novo incumprimento do goberno dos acordos tomados en pleno

Gondomar Concello Aberto expresa o seu malestar ante un novo incumprimento do acordado no Pleno municipal. Na sesión de outubro do Pleno, o grupo municipal de CABE presentou unha moción na que se solicitaba que na seguinte poda outonal que se fixera non se esmoucasen as árbores dos parques públicos como se vén facendo ata agora, posto que é prexudicial para estas, como se pode ver en bastantes casos, coma o do parque da urbanización Miñor, onde morreron seis chopos porque foron sometidos a unha poda excesiva e fóra de tempo, e as que quedaron, están tan debilitados que non teñen porte xa para dar sombra no verán.

“Esta moción foi aprobada por unanimidade e malia isto, na poda que se fixo a continuación o procedemento foi o mesmo. Nos plenos de decembro e xaneiro preguntóuselle ao Alcalde e a concelleira responsable sobre este tema e desentendéronse do asunto, alegando que eran os criterios da empresa de xardinaría. Esta é unha escusa máis para non cumprir os acordos plenarios, posto que o prego de condicións técnicas do servizo de mantemento e conservación de zonas verdes, arborado e xardíns públicos textualmente di que «evitaranse as podas moi drásticas, e só se efectuarán en casos moi concretos e sempre baixo as indicacións da Concellería de Parques e Xardíns», que «non se deixarán muñóns que sobresaian», ou que «tenderase a realizar o menor número posible de cortes», o que contradí claramente os argumentos do Alcalde e da concelleira e demostra un escaso coñecemento por parte do bipartito das condicións do servizo que, supostamente, deben fiscalizar”, sinala Jimena Varela.

“Ante a pouca sensibilidade do Goberno ao respecto, aproveitamos o tema exposto para reclamar tamén que se repoña a árbore talada recentemente na praza Ángel Urzáiz, cun exemplar de porte adecuado ao espazo no que se insire, e de folla caduca, que nos proporcione sombra no verán e deixe pasar a luz no inverno”, conclúe a concelleira do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.