Anuncios
Ticker de novas

Seis loitadores do Club de Loita Sabarís convocados para preparar os Campionatos de España

Seis loitadores do Club de Loita Sabarís acudirán este sábado 11 de marzo á concentración autonómica de Loitas Olímpicas que organiza a Federación Galega de Loita e D.A. en colaboración directa co Club Keltoi de Vila de Cruces e o Concello Cruceño, para conformar os equipos autonómicos das tres modalidades Olímpicas, que acudirán aos Campionatos de España de Loita Libre Olímpica, Loita Grecorromana e Loita Feminina.

Acudirán os baioneses Anxo Uzal, Diego Otero, Cristian Suárez e David González, e os nigraneses Mario Méndez e Álvaro Vázquez, co obxectivo de preparar os Campionatos de España escolar e cadete, despois de que o Club de Loita Sabarís conseguise o primeiro posto por equipos nos Campionatos Galegos.

En total están convocados 96 deportistas de todas as categorías de idade: escolar, cadete júnior e sénior. Esta é a concentración con maior número de deportistas convocados de cantas levan organizando ata o momento.

Os seleccionadores galegos, terán que redobrar esforzos para coordinar a todos os deportistas. Desde a dirección técnica da Federación, coordinaranse os traballos técnico-tácticos a desenvolver en todos os grupos de idade, co claro obxectivo de triunfar nos Campionatos de España de Loitas Olímpicas que se celebrarán o 25 de marzo en Pontevedra e o 8 de abril en Oviedo.

Este ano é especialmente importante no calendario da Federación Galega de Loita xa que organizan na Cidade de Pontevedra o Campionato de España sénior e cadete de Loitas Olímpicas por primeira vez en 30 anos. Por iso, os seleccionadores, Clubs e deportistas están a traballar para brillar nesta cita de primeiro nivel nacional e buscar a convocatoria para conformar parte dos equipos nacionais que participarán nas citas do calendario internacional.

Anuncios