A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases que regulan a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, do Plan de Práctica Laboral na Deputación de Pontevedra e nos concellos da provincia. Este programa, ao que a institución provincial destina 2.011.000 €, está dirixido a 200 mozas e mozos da provincia con títulos universitarios ou ciclos formativos de grao superior de formación profesional, sen experiencia laboral previa no ámbito da súa titulación académica, coa finalidade de promover e completar a súa formación en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa incorporación ao mercado laboral.
As persoas bolseiras, que serán seleccionadas mediante un baremo de méritos e unha proba tipo test de carácter obrigatorio, recibirán unha dotación económica de 800 € ao mes, no caso daquelas con titulación universitaria, e de 700 € ao mes, para as que teñan ciclos formativos de grao superior. A duración desta primeira experiencia profesional na Deputación e nos concellos da provincia será de seis meses que se poderán prorrogar outros seis máis.
As persoas interesadas en participar no Plan de Práctica Laboral na Deputación de Pontevedra e concellos da provincia deberán realizar unha pre inscrición a través da páxina web www.depo.es e presentar o xustificante electrónico xerado no rexistro xeral da institución provincial. O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria do plan no BOPPO.

