Nigrán sinaliza o patrimonio histórico que se atopa ao longo do Camiño Portugués pola Costa

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán finalizou a sinalización do patrimonio histórico que se atopa ao longo do Camiño Portugués pola Costa no termo municipal. Así, un total de once paneis verticais ofrecen información dos respectivos recursos dende o inicio do percorrido na ponte románica de A Ramallosa ata o seu fin na parroquia de Priegue co cruceiro das Rexas. A instalación, cun custe total de 3.859 euros, conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra e se encadra no plan estratéxico do goberno municipal para ofrecer un turismo de calidade, promocionar e conservar o patrimonio e, especialmente, impulsar o Camiño Portugués pola Costa.

«Esta ruta foi declarada oficial en abril de 2016 e supón unha oportunidade inigualable de desestacionalizar o turismo en Nigrán, xa que este se concentra nos meses de verán e o noso obxectivo é estendelo a todo o ano. Dende o Concello estamos traballando para impulsar ao máximo o Camiño Portugués, por iso é importante dar a coñecer entre os peregrinos, veciños e visitantes a riqueza patrimonial ao longo do mesmo», sinala o alcalde, Juan González.

Os paneis verticais son de aluminio e se atopan ao carón dos puntos de interese (todos eles incluídos no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia). O primeiro deles está na ponte románica, a porta de entrada dos peregrinos a Nigrán que dende o século XIII empregaron os devotos de Santiago que viñan dende Portugal. Os demais sinalizan casas e pazos de familias pertencentes á fidalguía e á pequena nobreza que deixaron a súa pegada na historia do Val Miñor e mesmo de Galicia (Casa de Pedro da Groba en Ceán, Pazo de A Robaleira en San Pedro, Casa de Brito en Nigrán, Casa Lamelas-Pazo de Luna en Priegue e Casa das Agullas tamén en Priegue). Xunto a estes, sinálanse os cruceiros e as igrexas: sendo a relixión a razón inicial do Camiño, é imprescindible dar a coñecer a orixe dos templos e significado das imaxes dos cruceiros (aínda que actualmente non é o motivo que move a moitos camiñantes, peregrinos alleos á relixión cristiá como os xaponeses séntense moi atraídos por coñecer os símbolos propios dela). Así, neste último apartado sinalizouse o cruceiro de San Pedro e a súa igrexa, a Igrexa de San Fiz (Ceán), o cruceiro de As Rexas e a Igrexa de Parada (esta última está a 3 km da ruta oficial do Camiño, pero considérase oportuno marcala ao tratarse dun templo románico que ten como patrón a Santiago Apóstol, quen figura na fachada como peregrino).

«Dende o Concello estamos a facer todo o que está dentro das nosas competencias para promocionalo ao máximo, xa que aínda non é moi coñecido e podería outorgar a todo o sur da provincia unha relevancia internacional moi positiva para Nigrán», reflexiona o rexedor. Así, dende o goberno local fíxose incluso unha sinalización provisional da ruta (á espera do marcado oficial) e mesmo se creou unha pequena praza en Priegue dedicada aos peregrinos co obxectivo de que teñan unha parada agradable antes de abandonar Nigrán e encarar Vigo.