Anuncios
Ticker de novas

Villas Marineras deseña en Baiona o seu plan estratéxico turístico e empresarial

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

Baiona converteuse este martes no punto de encontro para que as Villas Marineras de España decidisen o seu novo Plan Estratéxico de Turismo. Alcaldes, técnicos e empresarios dos municipios mantiveron reunións durante toda a xornada para deseñar a estratexia dos dous próximos anos, período no que o Concello de Baiona ostentará a Presidencia.

As sesións de traballo deste martes abríronse ás dez da mañá na Casa do Concello cun encontro do comité técnico. Ao mediodía, fixeron o propio os representantes políticos e ás cinco da tarde, xa no Viveiro de Empresas da Casa do Reloxo, foron os colectivos empresarios os que intercambiaron opinións para poñer en común a estratexia de promoción das vilas.

Baiona, Laredo, Llanes, Ribadesella (actual Presidencia), Santoña e San Vicente de la Barquera celebraron ademais unha asemblea extraordinaria na Real Vila. Por decisión unánime, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, asumirá o cargo de presidente de Villas Marineras o próximo mes de maio.

O encontro finalizará este mércores cun percorrido polo municipio para mostrar a toda a comitiva o potencial turístico de Baiona.

A marca Villas Marineras naceu da unión de cinco municipios que na década dos noventa foron obxecto de Plans de Excelencia Turística. Así, Laredo, San Vicente de la Barquera, Llanes, Ribadesella e Baiona fundaron o Club de Excelencia Turística da España Verde.

Todas estas vilas son portos de mar cheos de tradición e de patrimonio cultural, artístico e natural, que apostan polo traballo en equipo. Todas elas comparten clima, gastronomía, paisaxe e un produto turístico de calidade asociado ao mar. Ademais, cada unha delas conta cunha personalidade forte que a diferenza das súas compañeiras, o que dá como resultado unha oferta variada e coherente que se distingue do resto pola súa orixinalidade, diversidade e calidade.

A agrupación segue unha serie de liñas de actuación comúns encamiñadas a desenvolver novos produtos turísticos actuando como unha rede na promoción turística, contribuíndo a reducir a estacionalidade mediante o fomento da demanda en períodos fóra da tempada alta. Así mesmo, perseguen a recuperación e a posta en valor do patrimonio natural, cultural e etnográfico, ademais de dar impulso ao aproveitamento dos recursos marítimos e pesqueiros dos seus portos.

Estes destinos turísticos foron, tradicionalmente, destinos de alta calidade, os preferidos polas familias e os amantes do turismo activo. Villas Marineras desenvolve novas ferramentas para manter os elevados estándares de calidade e para dirixir de forma adecuada a presión turística cara aos servizos privados, a infraestrutura pública e os recursos naturais e culturais, de maneira que se poida asegurar a súa sustentabilidade a longo prazo.

O turismo de costa habitualmente asociado ao modelo de “Sol e Praia” queda pequeno para Villas Marineras. Os case de 1.000 quilómetros de litoral Cantábrico e Atlántico polos que se estenden os seus municipios posúen unha amplitude de recursos que van moito máis alá deste modelo. O patrimonio é outro dos eixos da súa oferta, grazas á riqueza arquitectónica, natural e cultural destas vilas. Cada unha delas conta cun conxunto histórico-monumental e con numerosos Bens de Interese Cultural, ademais das súas tradicións, festas e costumes.

Anuncios