Anuncios
Ticker de novas

Gondomar acollerá a III Milla Solidaria Anemia de Fanconi

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, presidiu hoxe a presentación da III Milla Solidaria Anemia de Fanconi, nun acto celebrado no Centro Neural no que tamén estivo presente o alcalde de Nigrán, Juan González, coñecedor de primeira man da enfermidade, padecida polo seu fillo, as concelleiras de Deportes de Gondomar e Baiona, Nuria Lameiro e Mª Jesús Martíns, e Óscar Fernández, director técnico da Federación Galega de Atletismo.

Tampouco faltaron á cita familiares e nenos pertencentes á Asociación Española de Anemia de Fanconi, entidade organizadora do evento, coa colaboración dos tres concellos da comarca, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

A Milla Anemia de Fanconi, que se celebrará o domingo 26 de marzo en Gondomar, é un proxecto totalmente solidario, xa que a organización doará o 100% da recadación da carreira á Asociación Española Anemia de Fanconi, co fin de axudar no labor que realiza esta asociación, como dar a coñecer esta patoloxía, considerada dentro do grupo de enfermidades raras.

En Galicia existen catro casos diagnosticados de Anemia de Fanconi, todos eles relacionados con familias do Val Miñor, motivo polo cal a organización seleccionou este emprazamento para a celebración da carreira.

Descrición da carreira

A III Milla Solidaria Anemia de Fanconi comezará ás 10:30 horas, estando prevista a entrega de trofeos ás 13:20 horas.

O circuíto situarase na contorna das Cercas, onde se atopa a estación de autobuses e o campo de fútbol, cun percorrido apto para todas as categorías, desde pitufos ata veteranos. A distancia do mesmo oscilará entre os 100 metros e os 1.609 metros -unha milla-, dependendo da categoría.

Os dorsais serán facilitados pola organización o sábado 25 de marzo de 16:00 a 20:00 horas no Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar e o mesmo día da carreira a partir das 9:30 horas.

Milla pola integración

Por segundo ano farase unha carreira adaptada en cadeira de rodas -de 800 metros de distancia para cadeiras de atletismo e de 400 metros para cadeiras de rúa e eléctricas- á que se denomina “Milla pola integración”. Nesta carreira poderán participar tamén persoas non discapacitadas para que poidan comprobar por si mesmos a dificultade de moverse en cadeira de rodas. Para iso deberán poñerse en contacto coa organización enviando un correo a millasolidariafanconi@gmail.com.

Inscricións

Faranse a través da páxina web Carreiras Galegas e presencialmente na Piscina do Val Miñor na Ramallosa, en Deportes Athletics en Avda. Balaídos 41 e en Bikila na Avda. de Castrelos 190, ambas as dúas en Vigo, antes do mércores 22 de marzo.

As inscricións que se realicen na web Carreiras Galegas efectuarán o pago da mesma vía online, mentres que as inscricións presenciais poderán facer o pago na Piscina do Val Miñor, en Deportes Athletics ou en Bikila no momento de realizar a inscrición.

Establécese unha cota de 5 euros para as categorías Promesa-Sénior e Veteranos, podendo realizar un donativo para a asociación na propia inscrición. A inscrición será gratuíta para as categorías menores, desde Pitufos ata Júnior.

Dorsal Solidario

Todas aquelas persoas que queiran contribuír coa causa, pero non desexan realizar a carreira, a organización dálles a posibilidade de realizar o donativo no DORSAL 0, cuxo importe irá parar integramente á Asociación Española de Anemia de Fanconi.

Anuncios