Anuncios
Ticker de novas

CABE denuncia a perda de subvencións en materia de igualdade por parte do Concello de Gondomar

Este 8 de marzo de 2017 conmemórase nun contexto histórico e político cheo de dificultades para as mulleres en particular. Levamos 16 asasinadas por violencia machista no que vai de ano, o peor número da década. Pero iso só é a punta do iceberg dun sistema cultural chamado patriarcado, que está profundamente instalado na nosa sociedade. Poñendo datos enriba da mesa, a fenda salarial supera en Galicia o 20%, sendo os salarios das mulleres galegas os segundos máis baixos do Estado español (tres de cada 10 galegas -o 36,34%- teñen ingresos por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional).

O pasado día 2 de marzo, no Pleno ordinario do mes de marzo, Gondomar Concello Aberto presentou unha moción con motivo do Día Internacional das Mulleres, aprobada por unanimidade. Ademais de solicitar que as mulleres do Goberno de Gondomar se sumen ao Paro Feminista Internacional convocado para o 8 de marzo, solicitaban o aumento do orzamento dedicado ás políticas de igualdade. “Sabemos as dificultades que isto leva, tendo en conta que as administracións locais son as máis asfixiadas economicamente, pero trátase dunha aposta política. É por isto que non podemos consentir que, cando existen subvencións doutros entes para políticas de igualdade, non se tramiten sequera”, sinala Jimena Varela.

O 2 de xaneiro de 2017, a Federación Española de Municipios e Provincias sacou a seguinte convocatoria: “Ayudas para actuaciones dirigidas a facilitar la puesta en marcha de acciones que fomenten la transversalidad de género en los Planes Locales y la conciliación y la corresponsabilidad de mujeres y hombres en la vida personal, familiar y profesional en el ámbito local”. “Tratábase dunha subvención que, no caso de Gondomar, podía chegar ata os 10.000 euros”, afirma a concelleira de CABE.

“Tras pedir este Grupo Municipal o expediente da tramitación de dita subvención, a resposta da Concellería de Igualdade foi que non tiveron constancia de que existía esa subvención e que polo tanto, non existía ningún expediente”, engade Jimena Varela.

Dende Gondomar Concello Aberto novamente esixen que as políticas en contra da desigualdade entre mulleres e homes sexan unha prioridade real para o Goberno de Gondomar. “Isto significa dotalas de recursos, ou ben propios ou mediante subvencións doutros entres, xustamente o que, neste caso, non se fixo no Concello de Gondomar”, conclúen desde CABE.

Anuncios