Monólogo en Baiona sobre a igualdade de xénero polo Día Internacional da Muller

O Concello de Baiona organiza este mércores, 8 de marzo, unha actividade para alumnos de 3º e 4º da ESO e Bacharelato polo Día Internacional da Muller. A través da Concellería de Igualdade e Benestar, o monologuista Pedro Brandariz actuará no Auditorio V Centenario ás 12:00 horas cunha sesión sobre o xénero en clave de humor.

“O xénero con humor” é o título do espectáculo que ofrecerá o actor no que utiliza as súas “armas verbais” para analizar dun xeito cómico a igualdade de xénero ou “mellor dito as desigualdades de xénero que aínda existen na sociedade actual”.

Neste caso, o tema non é outro que as actitudes máis sexistas desta sociedade, tanto de homes como de mulleres. A partir de secuencias cómicas, chistes… Brandariz poñerá en evidencia moitos destes comportamentos machistas, moitas veces inconscientes, e outras non tanto.