
O Club de Loita Sabarís obtivo este sábado o primeiro posto por equipos na categoría de loita libre escolar nos Campionatos Galegos celebrados no Pavillón Municipal de Vila de Cruces.
O club baionés competiu con 10 dos seus loitadores, sumando un total de 8 medallas, tres de ouro, para Anxo Lomba, Cristian Suárez e Anxo Uzal, dúas de prata para Nicolás Otero e Diego Otero, e tres de bronce para Daniel González, Álvaro Vázquez e Lois Carrera.
A Federación Galega de Loita en colaboración co Club de Loita Keltoi e o Concello de Vila de Cruces organizaron este campionato galego cun total de 138 inscricións para as categorías júnior e escolar, perfilándose como un dos máis concorridos dos últimos anos. En total houbo 14 equipos representando ás 4 provincias galegas neste torneo de máximo nivel autonómico.
A competición desenvolveuse en xornada de mañá, dende as 10:00 ata as 14:00 horas, de xeito ininterrompido.
Este campionato é o primeiro filtro para seleccionar os deportistas que acudirán aos Campionatos de España representando a Galicia, o vindeiro sábado 8 de abril, na cidade de Oviedo.