A Xunta adxudica as obras de mellora da seguridade da estrada PO-552 ao seu paso por Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Xunta vén de adxudicar as obras de mellora na estrada Vigo-Tui (PO-552), no concello de Baiona que suporán unha mellora da seguridade viaria desta zona. As obras, que levará a cabo a empresa Narom S.L., suporán un investimento de preto de 400.000 euros e poderían iniciarse nas vindeiras semanas.

Estas tarefas contarán cun prazo de execución de seis meses aproximadamente, aínda que se traballará con axilidade para telas rematadas neste verán, e teñen por obxecto mellorar a seguridade viaria das travesías da estrada PO-552 mediante o reforzo de firme das mesmas. Unha vez rematadas as accións de mellora, realizarase o repintado de marca viaria no eixe da estrada.

Con estas actuacións, o Goberno galego pretende a recuperación do firme desta estrada, concretamente entre os puntos quilométricos 13+000-14+000 e 15+000-17+000; a execución da nova glorieta no p.q. 16+300; o ensanche da plataforma entre os p.q. 16+160-16+240 que permita levar a cabo unha zona destina a parada de taxis e bus. Tamén se manterá a continuidade do itinerario peonil/ciclista existente; a disposición de zonas de estancia e esparcimento para os viandantes; habilitaranse zonas de aparcamento e repintaranse todas as marcas viarias dos treitos de actuación.

Así mesmo, colocaranse os elementos de sinalización vertical e balizamento; poranse distintas instalacións na glorieta do punto quilométrico 16+300; modificarase o alumeado público mediante o retranqueo e a colocación de novos puntos de luz; e sustituiranse os distintos dispositivos hidráulicos coa finalidade de adaptalos á nova xeometría proxectada; reubicarase e agruparanse os contedores de lixo e a humanización da rúa mediante a disposición de mobiliario urbano e zonas axardinadas.

Senda peonil e ciclista na PO-552

Así mesmo, tamén se adxudicou a empresa Arias Infraestructuras S.A. o contrato para execución da obra da senda peonil e ciclista na mesma estrada PO-552, concretamente no Paseo Marítimo, entre os puntos quilométricos 16+400 e 16+650, que contará cun orzamento de máis de 140.000 euros.

O prazo das actuacións será de 3 meses e iniciaranse nas vindeiras semanas, tan pronto se asine o contrato e se realice o replanteo. Estas obras, que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A senda situarase na marxe dereita da estrada PO-552, utilizando parte da beiravía existente, a plataforma empedrada emprazase a un nivel superior do paseo existente e parte do mesmo. Desta maneira redúcese a beiravía existente en 15 centímetros e empregarase un metro da parte inferior do paseo.

Coa solución proposta, lévase a cabo a segregación do tránsito peonil do ciclista, propoñendo unha sección libre de 1,8 m para a senda ciclista e 4 metros libres para a senda peonil do paseo marítimo existente. Terá unha lonxitude de 250 metros. O prazo previsto para a execución das obras é de tres meses.

Cabe destacar que as actuacións previstas neste proxecto non implican a realización de ningunha expropiación, xa que todas as accións que se executen están incluídas dentro da franxa de dominio publico da estrada.

Esta actuación corresponde ao Plan de Sendas da Xunta de Galicia. Na primeira fase, identificáronse 55 que sumaban 75,6 quilómetros e contan cun investimento de 26,3 millóns de euros. Despois da súa finalización comezouse coa redacción de proxectos de construción nos que se definen as obras a acometer nos treitos de sendas identificados como necesarios.

Para executar estas actuacións, o Goberno galego contactou cos concellos beneficiados, para lograr que as solucións fosen consensuadas.

Así, dos 55 itinerarios identificados saíron 48 proxectos construtivos, posto que en algúns casos foi aconsellable agrupar varias sendas nun só proxecto, así mesmo, durante a actuación aprovéitase para incluír melloras puntuais da estrada para incrementar a seguridade viaria de todos os usuarios.

O Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.