Anuncios
Ticker de novas

Prado Surf Escola colabora na loita contra o cancro

FOTO: PRADO SURF ESCOLA

Con motivo da celebración do V Campionato de Surf Concello de O Grove, Primeira Proba Infantil e Xuvenil da Federación Galega de Surf que terá lugar os vindeiros 11 e 12 de marzo de 2017 na Praia de A Lanzada, a escola de Surf Prado Surf Escola, vai contribuír coa campaña de micromecenazgo Biopsia Líquida para avanzar no estudo contra o cancro que está a desenvolver o grupo de investigadores Oncomet nos laboratorios do Hospital Universitario de Santiago.

O obxectivo da campaña é propoñer a toda a sociedade galega a financiación colaborativa e de xeito desinteresado do proxecto deseñado polo Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. Os fondos obtidos, destinaranse á contratación de persoal, instrumental e material funxible, para levar a cabo un proxecto de investigación que poña aos galegos ás portas da medicina de precisión.

Coa finalidade de recadar fondos en favor desta causa, e invitar a todos os amantes do surf a sumarse á mesma, Prado Surf Escola porá a venda rifas nos seus centros de Patos (Nigrán), A Lanzada (O Grove) e Bastiagueiro (Oleiros), cunha recadación integramente destinada a mellorar a esperanza de vida de moitos doentes de cancro. Durante o desenvolvemento do V Campionato Surf Concello de O Grove, sortearase como premio á solidariedade de todos os participantes, un voo para dúas persoas a Lanzarote.

ONCOMET

O Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), liderado polo Dr. Rafael López López, é un grupo multidisciplinar formado por investigadores básicos e clínicos, que centra a súa investigación nun dos maiores retos actuais en oncoloxía, as metástases, abarcando todo o proceso; desde a invasión tumoral á diseminación metastásica e formación de micrometástasis, abordando o seu estudo desde distintas perspectivas pero sempre desde un enfoque traslacional, sendo todos os proxectos deseñados tratando de cubrir necesidades clínicas reais; desde e para o paciente.

Anuncios