Baiona traslada ao Parador os actos oficiais de apertura da XXII Festa da Arribada

O Parador Conde de Gondomar de Baiona acollerá este venres os actos oficiais de apertura da XXII Festa da Arribada coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O descubrimento da placa conmemorativa polo 40 aniversario da doazón da estatua ao capitán Martín Alonso Pinzón trasládanse ao sábado pola mañá no mesmo Paseo Pinzón, aínda que o propio venres xa haberá unha homenaxe.

O Concello de Baiona decidiu este martes que a apertura da Festa da Arribada celébrese finalmente no Parador para non deslucir o acto oficial debido as previsións meteorolóxicas. Desta forma, toda a programación marcada para a tarde do venres terá como escenario as instalacións do Parador.

Así, ás 17:45 horas, levarase a cabo a recepción de autoridades e convidados e ás 18:00 horas, no Salón Medieval, será o momento da homenaxe ao capitán da Carabela A Pinta no 40 aniversario da inauguración da escultura. Posteriormente, chegará a quenda de intervencións de autoridades, a ofrenda de Coroas e a interpretación de Himnos, para rematar cos disparos de salvas polos canóns da Fortaleza.

Xa o sábado, a partires das 11:00 horas no Paseo Pinzón será o momento para o descubrimento da placa conmemorativa do capitán da Carabela A Pinta coa actuación do Coro “Amigos de Milagros” de Palos de la Frontera. Ás 11:30 horas, no Paseo da Ribeira, haberá unha visita ás Paradas dos Pobos Irmáns: Palos de la Frontera, Santa Fe, Pornic, Vila do Bispo e Baiona, e ás 12:00 horas celebrarase o Gran Desfile Medieval polo Real Mercado coa participación de toda a animación da Festa da Arribada.

Conferencia dos Pobos Colombinos

Pero o primeiro acto da XXII Festa da Arribada será o xoves, no Monte Real Club de Yates, onde a profesora titular de Historia de América na Universidade de Santiago de Compostela, Luisa Pazos Pazos, impartirá unha conferencia sobre os pobos colombinos co título “A presenza de Baiona en América, a través dos homes e mulleres que emprenderon a aventura americana”.

Xa o venres, ás 12:00 horas, na Igrexa de Santa María de Baiona, haberá unha Misa Solemne cantada polo Coro “Amigos de Milagros” e acto seguido a Ofrenda de Coroas ante a Cruz de Evanxelización de América. Ás 13:00 horas, no Casal do Rexemento (Casa do Concello) será a inauguración da mostra “O calafate: un oficio de ribeira”, e seguidamente a homenaxe póstuma a Pilar Pulgar e Urbano Cortegano, ex alcaldes de Palos de la Frontera.