Anuncios
Ticker de novas

Rodrigo Enríquez adxudicouse a Montaña na apertura da Copa de España

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

Subiuse o pano da Copa de España 2017 cun representante do Club Ciclista Rías Baixas pisando o podio do Circuíto Guadiana. Rodrigo Enríquez adxudicouse a clasificación da Montaña na carreira celebrada este domingo na localidade estremeña de Don Benito. O ourensán tamén recibiu o Premio da Combatividade tras formar parte da escapada que encabezou a proba durante 150 quilómetros. Diego Tirilonte, na décimo terceira posición, foi o mellor corredor do proxecto presidido por José Luis Chamorro na liña de meta.

A edición número 51 desta clásica presentaba un circuíto de 42,8 quilómetros ao que os participantes tiñan que dar catro voltas, completando un total de 171,4 kms. Nun dos primeiros intentos de fuga filtrouse Enríquez acompañando a outros sete corredores e este grupo consolidouse á altura do quilómetro 8. A partir de aí, a súa diferenza non deixou de incrementarse ata alcanzar unha máxima vantaxe superior aos tres minutos.

O ciclista da formación miñorana, unha das once incorporacións realizadas para a nova tempada, exhibiu os seus dotes de escalador nas tres ascensións puntuables a Magacela que completou como fuxido. Pasou en todas elas á fronte do grupo o que lle serviu para anotarse a clasificación final do Gran Premio da Montaña.

O traballo por detrás do pelotón deu os seus froitos a falta de 23 quilómetros, cando o corredor do Barco de Valdeorras e os seus compañeiros nesta aventura foron neutralizados. A primeira camisola de líder da Copa de España decidiuse no último paso por Magacela e neste subida catro ciclistas lograron unha vantaxe próxima ao medio minuto que lles permitiu xogarse o triunfo en Don Benito. Impúxose Gonzalo Serrano (Caja Rural) e a 28 segundos do cuarteto de cabeza chegou o gran grupo con Diego Tirilonte ocupando a décimo terceira posición.

Despois de asinar unha notable estrea na Copa de España, o conxunto dirixido por Marcos Serrano afrontará a segunda xornada do certame estatal máis prestixioso da categoría Elite e Sub23 o vindeiro domingo en Guipúscoa coa disputa da Aiztondo Klasikoa.

Anuncios