Nigrán Decide inicia unha campaña de información sobre a regularización catastral solicitada polo Alcalde, ao considerar insuficiente a información facilitada polo Concello durante o mes de febreiro.
A regularización do Catastro faise agora en Nigrán despois de que o Alcalde manifestase en outubro de 2015 á Dirección Xeral do Catastro o seu interese en que o Concello de Nigrán se incluíse no ano 2016 neste procedemento.
Nigrán Decide considera que non se pode facer unha regularización do Catastro onde se contabiliza desde tendedeiros de roupa até piscinas de plástico en vez de centrarse unicamente nas grandes construcións. “Danos a impresión que en vez de estarse facendo unha regularización en realidade isto é unha revisión catastral, xa que aparentemente unicamente estanse a contabilizar as alteracións das características dos inmobles, que aumenten o valor catastral, excluíndo aquelas que o diminúen. Ademais estamos detectando numerosos erros, especialmente na antigüidade, xa que temos a impresión que para a maioría das construcións existentes se considera unha antigüidade de entre 5 e 9 anos e ás construcións que se incorporan por primeira vez ao catastro se lle asigna unha antigüidade menor de 5 anos”.
Non só implica pagar 60 euros
“As 1.200 persoas que, estimamos, van recibir as notificacións de novos valores catastrais ademais de pagar a taxa de regularización de 60 euros, ao aumentar o valor catastral aumenta o recibo do IBI e o Concello vai poder reclamar a diferenza nos catro últimos anos que aínda non prescribiron. Para un ben que lle aumenten o valor catastral dez mil euros, vai supoñer un aumento na contribución de 50 euros e ter que pagar atrasos de 200 euros”.
Nigrán Decide pon a disposición da veciñanza modelos de alegacións
Nigrán Decide pon a disposición da veciñanza varios modelos de alegacións sobre os erros máis correntes das notificacións de novo valor catastral. Ditos modelos pódense consultar no BLOG do grupo: nigrandecide.wordpress.com.
Ademais, o grupo municipal responderá as consultas que se lle formulen a través do correo electrónico nigran.decide@gmail.com e, persoalmente, todos os luns do mes de marzo no segundo andar do Centro da Terceira Idade de A Ramallosa.
Entre os motivos de alegación máis importantes que ten detectado Nigrán Decide está, na súa opinión, unha motivación incompleta da resolución que pode producir indefensión na veciñanza xa que ao non aparecer todos os coeficientes correctores aplicados tal como indica a lei do catastro non saben as razóns polos que se lle asigna unha nova valoración.
Outras causas de alegación que figuran nos modelos que pon a disposición da veciñanza Nigrán Decide son: o erro na antigüidade, que pode ter moita importancia á hora de determinar o valor catastral, na superficie, na consideración da construción, como poden ser tendedeiros ou no uso asignado á construción.

