Anuncios
Ticker de novas

Okofen e Miúdo pelexan por facerse coa Liga de Inverno Clase J80

O Okofen de Javier de la Gándara mantense na cabeza da Liga de Inverno Clase J80 do Monte Real Club de Yates tras impoñerse en dous das tres probas celebradas este sábado na baía de Baiona.

O barco patroneado polo histórico regatista vigués só atopou rival no Miúdo by Storax de Francisca Barros, que logrou superalo nunha das probas. Ese primeiro posto nunha das regatas, os dous segundos que conseguiu no resto de manga, e o descarte que se aplicou tras completar doce probas, permitíronlle aos portugueses acurtar distancias co Okofen.

Dez puntos son os que separan, tras finalizar esta cuarta xornada, ao primeiro e segundo clasificados da liga de monotipos. Okofen con dez puntos e Miúdo con vinte, levarían, se logran manter resultados, o ouro e a prata da competición. O bronce estaría algo máis rifado, xa que se seguen producindo bailes nesa posición.

O Virazón de Miguel Lago, patroneado por Javier Rey nas dúas últimas xornadas, caeu este sábado á cuarta posición despois de que o Ferralemes de Enrique Porto lograrse arrebatarlle o terceiro posto do podio provisional. A pesar de todo, a separación entre ambos os dous barcos é de apenas tres puntos, polo que haberá que esperar ás próximas xornadas para ver como evoluciona a liga.

O Cansino de Fernándo Yáñez, con José de la Gándara á cana nesta cuarta xornada, mantense en quinta posición; e o sexto posto segue sendo para o Mondo de Bernardo Macedo.

Ao sétimo caixón subiu este sábado a tripulación feminina do Pazo de Cea, liderada por María Campos. Un equipo que deixou, ademais, a nota curiosa do día, ao saír a competir con diademas de plumas na cabeza, enchendo a regata de espírito carnavaleiro.

O resto da clasificación complétana o Namasté de Luis de Mira, o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, o Marías de Manuel María Cunha, o Alumisel de Willy Caamaño e o Náutico Cormorán de Francisco Javier Martínez.

A Liga de Inverno Clase J80 descansa o próximo fin de semana e retómase en marzo coas dúas últimas xornadas de probas, os días 11 e 25.

CLASIFICACIÓN XERAL TRAS A CUARTA XORNADA
1. Okofen – Javier de la Gándara (10 puntos)
2. Miudo by Storax – Francisca Barros (20 puntos)
3. Ferralemes – Enrique Porto (36 puntos)
4. Virazón – Javier Rey (39 puntos)
5. Cansino – José de la Gándara (49 puntos)
6. Mondo – Bernardo Macedo (57 puntos)
7. Pazo de Cea – María Campos (70 puntos)
8. Namasté – Luis de Mira (72 puntos)
9. Luna Nueva – Juan Luis Tuero (77 puntos)
10. Marías – Manuel María Cunha (102 puntos)
11. Alumisel – Willy Caamaño (109 puntos)
12. Náutico Cormorán – Francisco Javier Martínez (111 puntos)

Anuncios