Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas preséntase este venres e inicia a Copa de España o domingo

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

O Parador de Baiona acollerá este venres, a partir das 20:15 horas, a presentación do Club Ciclista Rías Baixas. Con este acto a entidade presidida por José Luis Chamorro quere festexar a inesquecible tempada 2016, na que se situou como o terceiro mellor equipo do pelotón español na categoría Elite e Sub23, e dar a coñecer o seu novo proxecto antes de que este domingo arranque unha nova edición da Copa de España coa disputa do Circuíto Guadiana na provincia de Badaxoz.

Os corredores do conxunto do Val Miñor concentráronse este xoves nas instalacións do Centro Príncipe Felipe de Pontevedra. O seu adestramento deste venres empezará cunha visita ás 10:30 horas ao Pazo Provincial, onde acompañados por Juan González, alcalde de Nigrán, serán recibidos por Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Chelo Besada, deputada de Deportes.

Pola tarde toda a familia do Club Ciclista Rías Baixas ten unha cita ineludible nun maxestuoso escenario. Autoridades, deportistas, patrocinadores e simpatizantes do club reuniranse no Parador de Baiona para celebrar a posta de longo do equipo. Francisco Plaza, director do complexo situado na península de Monterreal, e Marcos Fernández, subdirector do mesmo, recibiron nas últimas horas a unha representación do club e a Ángel Rodal, alcalde de Baiona, para ultimar os detalles do evento.

Circuíto Guadiana

Unha vez cumprida a súa axenda social, a formación dirixida por Marcos Serrano desprazarase ata terras estremeñas para iniciar a súa participación na Copa de España 2017. A aliñación dos miñoranos estará composta por tres corredores que continúan do ano pasado como son Jesús Nanclares, Borja Alfaraz e Diego González, e catro incorporacións: Rodrigo Enríquez, Raúl González, Jon Ander Tomei e Diego Tirilonte, que o fin de semana pasado finalizou cuarto na clasificación xeral do Memorial Manuel Sanroma en Cidade Real.

A primeira das nove probas puntuables para o certame estatal máis prestixioso desta categoría non presenta grandes novidades no seu percorrido habitual. Con saída e chegada na localidade de Don Benito, os ciclistas darán catro voltas a un circuíto de 42,8 quilómetros ata completar un total de 171,4 kms. As catro subidas a Magacela perfílanse claves na loita pola primeira camisola amarela da Copa de España.

Anuncios