Anuncios
Ticker de novas

Chegada do tranvía a Baiona

Atopámonos ante unha marabillosa postal que recolle o momento da saída do tranvía cara a Vigo. No centro da composición vese o furgón de mercadorías que levaba o correo dúas veces ao día; nel as pescantinas transportaban o seu peixe a Vigo. Este tren tiña tres liñas no Val Miñor:
a) Ferrocarril de Vigo á Ramallosa, título que figuraba nos laterais dos vagóns, con 17.020 m.
b) Tranvía da Ramallosa a Baiona, con 4.050 m.
c) Tranvía de Ramallosa a Gondomar, con 4.400 m.

A chegada da electricidade a Baiona o 8 de novembro de 1908, data na que se inaugura a iluminación eléctrica, supuxo a posibilidade de tan espectaculares innovacións nas comunicacións coma este tranvía.

Serie de Hauser y Menet (Anos 20)

Despois da Serie Xeral viñeron outras postais de Baiona realizadas por Hauser y Menet: son postais cunha perfecta definición e que, coma todas as de Hauser, serviron para conservarmos unha idea moi clara de como era a Baiona daqueles tempos.

Publicado en “O Val Miñor na Tarxeta Postal” (1999) de Salvador Fernández de la Cigoña Fraga. Editado pola Deputación de Pontevedra.

Anuncios