As fogueiras de San Xoán enchen de luz a Praia de Panxón

Como cada ano, miles de persoas elixen este sábado Panxón para pasar a noite de San Xoán e dar a benvida ao verán. Unha pequena tirada de lumes daba paso a medianoite ao aceso das tradicionais fogueiras. Ademais das dúas grandes, múltiples réplicas de menos tamaño iluminaban o areal. Mentres algúns poñen en práctica o ritual de pasar por encima destas ou meterse no mar para saltar as ondas, xa que bañarse durante esta noite asegura saúde para uns e boa sorte para outros, para todo o ano, ou tamén a eliminación de enerxías negativas e aumentar a fertilidade feminina se se saltan as ondas virando as costas ao mar, outros gozaban da verbena situada na contorna do Pavillón de Deportes coa orquestra Ritmo Joven e DJ Diego Mariño. No recinto feiral, as atraccións son as protagonistas.

Continúa a festa

Tras as multitudinarias fogueiras, o luns 24 o programa comezará ás 19:00 horas cun concerto no porto da Banda de Guerra da Brilat de Pontevedra, que a continuación desfilará ata o Templo Votivo, onde ás 20:00 horas terá lugar a Misa Solemne na honra de San Xoán Bautista cantada polo “Coro Stella Panxón”. A continuación sairá a procesión acompañada pola Banda de Guerra da Brilat de Pontevedra, e chegada a noite, a partir das 22:30 horas, a verbena estará amenizada pola orquestra Ibiza Band e o grupo Aramio.

O martes 25 ás 11:00 da mañá a Banda de Música Unión de Guláns ofrecerá un pasarrúas, e ás 12:00 do mediodía un concerto. Ás 21:30 horas celebrarase a Misa Solemne na honra da Virxe do Carme, cantada pola Coral Polifónica “Novos Aires” de Nigrán. A continuación sairá a procesión acompañada pola Banda de Música Unión de Guláns, coa tradicional ofrenda ao mar no porto e a gran tirada de fogos artificiais. A orquestra Palladium poñerá a nota musical á verbena fin de festa.

O mércores 26 será o Día do Neno e o domingo 7 de xullo celebrarase en Monteferro a Festa da Sardiña.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios