Anuncios
Ticker de novas

Nigrán inaugura a programación do entroido co concurso de comparsas

O Concello de Nigrán arranca este sábado co tradicional concurso de comparsas a súa programación de entroido, que inclúe actividades para nenos e maiores ata o sábado 11 de marzo, cando conclúe co enterro do kiko máis especial.

Coma o ano anterior, o concurso será pola noite e percorrendo o centro do municipio. Así, a partir das 20:00 horas, un total de 14 comparsas percorrerán a rúa Rosalía de Castro (á beira do Concello) dende o cruce con rúa Telleira ata a estrada do Ceán, realizando cada agrupación unha actuación á altura da Casa Consistorial, onde o xurado as avaliará. A festa seguirá na Praza do Concello, onde a partir das 23:00 horas haberá unha actuación musical. Dende este día, o kiko do Centro Cultural e Recreativo de Parada e da Comunidade de Montes quedará exposto no Auditorio Municipal.

Os actos do entroido continúan ao día seguinte (domingo 26) cunha sesión de zumba de entroido no Auditorio Municipal ás 19:00 horas e co entroido surfeiro de Patos Surf Club dende as 16:00 horas nesta praia (o requisito imprescindible é meterse na auga disfrazado, despois haberá chocolate quente para todos). O luns 27 será o día dedicado aos maiores con baile a cargo de Trío Armonía no Auditorio Municipal a partir das 18:00 horas, ademais haberá orellas, filloas e chocolate. Xa o martes durante a mañá será a quenda dos usuarios dos centros de día e residencias do Val Miñor no Auditorio Municipal; pola tarde no local social O Torreiro de Priegue haberá dende as 18:00 horas entroido e concurso de disfraces para nenos. Ao día seguinte, mércores 1 de marzo, os máis pequenos volverán a ter oportunidade de divertirse no Auditorio Municipal dende as 11:00 horas co espectáculo “A bailar” de xogos, maxia e música.

O entroido finaliza o sábado 11 en Nigrán co tradicional enterro do kiko de Parada que, este ano, como novidade partirá dende o Concello onde haberá un espazo de xogo con brinquedos tradicionais e a actuación de Cé Orquestra Pantasma dende as 15:30 horas. Xa ás 19:00 horas sairá o kiko en carro de bois dende a casa consistorial ata o local do Centro Recreativo Parada do Miñor, onde será velado dende as 20:00 horas para proceder a enterralo ás 21:00 horas.

“Programamos un entroido no que teñan cabida todos os públicos e tamén con actividades específicas para o desfrute dos nenos e dos maiores, ademais, queremos poñer en valor as tradicións máis locais como é o caso do enterro do kiko, ao que lle daremos o sábado 11 total protagonismo”, explica o alcalde, Juan González.

Anuncios